Goretti Sanmartín, candidata do BNG en Santiago: «En política hai que buscar tempo para un, se non, vives nunha burbulla»

rosa martínez SANTIAGO / LA VOZ

A ESTRADA

XOAN A. SOLER

«Cando rematei a carreira decidín que este era o sitio onde quería vivir»

19 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

 Goretti Sanmartín (A Estrada, 1964) opta por segunda vez á alcaldía co BNG, aínda que xa leva oito anos en Raxoi. Quere unha cidade con bos servizos, e para todos. Dío dende unha desas xoias verdes que ofrece Compostela, o parque de Belvís, onde desfruta a diario, cedo, coma onte, aínda sendo festivo, coa súa cadela Isolda.

—A que hora se pon en marcha habitualmente?

—Ás 6.45 toca o espertador, pero normalmente esperto sen el.

—Foi sempre así ou a responsabilidade...?

—Non, eu son de horario matutino. A miña é unha familia de pasteleiros, de madrugar. Ás nove da mañá xa era tardísimo.

—Nunca lle amargará un doce, logo?

—Non, está claro. Gústanos o doce a toda a familia. Crecín co olor a pastelería e traballei moito alí: as fins de semana e festivos eran de botar unha man. Eu era máis de atender ao público. O mostrador foi unha escola para vencer a timidez e para aprender a escoitar. A saga familiar continúa niso.

—Sería a envexa na escola?

—Pois si, pero non estabas todo o día tomando doces, nin moito menos. Tomábalos un día de festa, pero é certo que as compañeiras pensaban que te atracabas a pasteis e a chuches todos os días.

—Estes días almorzará coa enquisa diaria de Sondaxe?

—Miro os xornais habitualmente e bótolle unha ollada, pero a real é o día 28 e imos superalas cun resultado histórico. As enquisas non reflicten todo o que estamos sentindo na rúa.

—Un resultado histórico significa polo menos 6 edís? Xa tiveron 5.

—Pois si. E pensamos que estamos en condicións. Estamos nun momento particular, todas as outras forzas xa puideron gobernar dende a alcaldía, a xente quere algo diferente (...) e que nos deixen demostrar que si podemos facer.

—Como tantos composteláns non nativos, veu a Santiago a estudar e quedou. Que a atou aquí?

—Todo, o ambiente estudantil, pero fundamentalmente a xente. Era un espazo no que se podían facer moitas cousas. Compostela, cando cheguei, con 18 anos, era un lugar súper atractivo e cando rematei a carreira [Filoloxía Galega] xa decidín que era o sitio onde quería vivir. Pasounos a moitas persoas daquela. Había moi bo ambiente e creáronse moitas redes de afecto con xente de aquí e chegada doutros lados que tamén querían quedar.

—E que quere mudar agora? Di que Santiago merece máis.

—Hai que poñer ás persoas no centro das políticas e desenvolver unha transformación urbana: necesitamos fixar poboación na cidade histórica, que haxa un comercio de proximidade moito máis importante, que consigamos que a xente poida ter un dereito á vivenda, en propiedade ou alugueiro, e que teña os servizos básicos garantidos e de calidade, independentemente de onde vivan. Eu creo na política do día a día, das pequenas cousas que nos cambian a vida. E que poidamos poñer Santiago como vangarda e referente cultural tamén é moi importante.

—Polo perfil que lle fixeron os seus achegados na presentación da candidatura, vostede é desas persoas ás que o día lles dá para todo e máis.

—Si, a verdade. O certo é que intento dividir, estruturar e planificar ben o día para poder ter tempo tamén para a vida familiar e de conciliación. A verdade é que fago bastantes cousas. Teño moita capacidade de traballo e, aínda que estea mal que eu o diga, é algo que di moita xente de min ao longo dos anos.

—Non será doado en campaña reservar tempo para un?

—Non o é. Prima dedicar todo o tempo que tes á vida política. Pero hai que facelo. Sempre reservo algún espazo para a vida privada e familiar, aínda entendendo que nestes 15 días prima estar na rúa, con asociacións e xente de Compostela, pero hai que buscar espazos para a vida privada. Ese é un déficit da política que temos que cambiar: a vida política ten que deixar espazos para a conciliación familiar e privada, se non só conseguiremos que haxa un tipo de perfil de persoas que estean en política, e non pode ser.

—Necesítase ademais para o equilibrio persoal.

—Claro, e para non vivir en burbullas, se non, ao final, acabas vivindo nunha burbulla onde iso é o único que coñeces.

—Ten vostede ata un club de lectura. Que le Goretti?

—A min gústame ler algo de todo: poesía, teatro, novela, pero no club lemos sobre todo novela contemporánea, de mulleres, de autoría feminina, porque é o que piden as súas integrantes, exalumnas do cuarto ciclo. Volvemos aos clásicos ás veces, pero sobre todo lecturas de hoxe, que lles axuden a entender aos seus netos. Eu non concibo o mundo sen ler.

—E a última película que a levou a unha gran pantalla?

Matria, a gran película cun gran traballo de María Vázquez. Temos un cinema galego magnífico, estupendo, onde hai autores como Zarauza, que xustamente vai na lista do BNG. Creo que temos un cinema galego fantástico.

—Santiago está de festas. Atopou algo no programa do seu gusto?

—Sempre hai. Estiven no concerto de Ana Moura. Eu son de estilos moi variados. Pero hai que conseguir un programa máis descentralizado que leve a cultura e espectáculos aos barrios, de maneira regular, non só o día da festa.

—Vostede tamén quere tirar a Casa da Xuventude.

—A nosa aposta parte da base de que hai que recuperar o regato do cancelón, que a xente non pode desfrutar del. E nunha casa cun valor que deriva máis da utilización por parte dos colectivos que dende o punto de vista paisaxístico ou urbanístico, o normal é poder facer alí o espazo aberto cuberto que dicimos: hai poucos en Santiago.

—Unha das súas teimas é a feminización do roteiro. Das que son e non están, por quen empezaría?

—Pois hai moitas que tiñan que ter ese recoñecemento, como Rosa Bassave, Pilar Pereira, Elena Marcu, unha vítima da violencia de xénero en Compostela (...), as nais da Praza de Maio, porque Santiago tamén ten que ser centro de proxección do que significan movementos a nivel internacional. Hai moitas que o merecen. E ás veces hai que facer recoñecementos en vida: Luz Fandiño é merecente del.

«Hai que garantir aos composteláns servizos básicos e de calidade independentemente de onde vivan»