«O uso excesivo das redes sociais non é un problema, é un síntoma de que algo vai mal»

Rocío García Martínez
rocío garcía A ESTRADA / LA VOZ

A ESTRADA

cedida

Iria Veiga ofrece na Estrada unha charla sobre saúde mental na adolescencia

25 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A Escola de Familias do IES Antón Losada Diéguez da Estrada abre hoxe a súa programación deste ano cunha charla sobre redes sociais e saúde mental na adolescencia. Será ás 19.30 horas na biblioteca do centro e estará impartida pola psiquiatra Iria Veiga Ramos (Ferrol, 1981). Veiga exerce a súa profesión no Hospital Psiquiátrico de Conxo e é tamén divulgadora científica.

O primeiro que a psiquiatra lle quere transmitir ás familias é calma. «Hai moita alarma sobre os efectos das redes sociais na saúde mental. Hai que desactivar esa alarma», explica. «Primeiro hai que distinguir entre os contidos aos que os adolescentes están expostos nas redes (e na vida real) e o uso que fan das redes», matiza.

Respecto á primeira cuestión, Veiga constata que as redes permiten recibir bulling ou acoso de adultos que se fan pasar por menores con obxectivos moitas veces sexuais. «Ese é un risco real, pero non ten que ver co efecto das propias redes. É certo que no caso do acoso escolar as redes teñen un efecto amplificador, porque o acoso continúa no domicilio, pero o bulling e o abuso sexual a menores existen desde moito antes cás redes», comenta.

«Respecto ao uso das redes, non hai moitos datos que soporten que o uso en si mesmo provoque efectos negativos na saúde mental. O que pode haber é un uso inaxeitado que podería interferir, por exemplo, no rendemento académico», asegura a psiquiatra.

A doutora considera que o abuso das redes sociais por parte dalgúns adolescentes, máis ca un problema é un síntoma de que algo non vai ben. «Da a impresión de que non son as redes as que limitan as relacións interpersoais entre adolescentes. Os adolescentes que empregan durante máis horas as pantallas adoitan ser os de entornos desfavorecidos, os que pasan menos tempo coas figuras de coidado e teñen menos acceso a un ocio de calidade. Da a impresión de que usan máis as redes porque teñen menos oportunidades de facer outras cousas, para paliar a necesidade natural de contacto social, que se incrementa na adolescencia», explica Iria Veiga. «Poden facer tamén un uso máis intensivo os adolescentes máis tímidos, os que teñen menos recursos para socializar, máis dificultades para socializar en persoa», conta. «Hai que desmontar o mito de que o problema é o uso excesivo de redes. É máis ben un síntoma de que algo non funciona ben», comenta. Veiga constata que hoxe os adolescentes socializan, tamén en directo, co móbil na man, pero non ve nisto un problema, senón sinxelamente unha nova forma de relacionarse.

A psiquiatra explica que tampouco hai evidencias científicas de que a exposición continua ás redes poida ter efectos sobre a autoestima dos menores. Segundo explica, só hai dous casos moi concretos no que a exposición a certos contidos pode ser prexudicial: os mozos con trastornos da conduta alimentaria e as autolesións non suicidas. «As redes non crean estas condutas, pero a exposición a contidos dese tipo poden ser prexudiciais e poden facer empeorar o problema», conta Iria Veiga.

A psiquiatra ten un consello para atallar os problemas coas pantallas en adolescentes: o uso compartido. «Hai unha solución que diminúe os riscos e é o uso de pantallas e redes xunto aos adolescentes. Iso non significa vixialos mentres as usan, nin fiscalizar, senón interesarse polo que consumen. A solución non é prohibir. É acompañar para contextualizar eses contidos», recomenda Iria Veiga.