«Son unha peza máis da engrenaxe dun conxunto de persoas que cren no que fan»
A ESTRADA
Rosa Ferreira xubilase a finais deste curso tras 44 anos na docencia e 26 coma directora do colexio do Foxo
14 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Están a ser días estraños para Rosa Ferreira Castro. A súa vida está a piques de dar un xiro de guión, un cambio que leva cavilando dende fai tempo e do que está convencida, pero claro, son moitos anos sendo a alma do colexio do Foxo e as emocións están a flor de pel. A finais deste curso xubilase despois de 44 anos na docencia e 26 coma directora do centro estradense. «Aínda que é unha decisión moi meditada, os cambios impoñen, pero estou convencida e vou asumir esta nova etapa con ilusión. Na vida hai que saber parar e creo que agora é o momento», asegura.
O inmenso agarimo de compañeiros, familias e alumnado cimentouno sen decatarse dende o ano 1991, momento no que aterrou neste colexio do rural da Estrada. Antes estivo no CEIP Ramón de Valenzuela da Bandeira, no Varela Buxán de Cercio (Lalín), no Manuel Vidal de Pontevedra e na escola de Dimo (Catoira). Foi no 1998 cando deu o paso a dirixir o colexio coma directora. O paso do tempo non minguou a súa paixón pola docencia. «Dinlle moito ao meu traballo, pero devolveumo con creces como persoa. Síntome realizada coma mestra, apaixónanme os retos do ensino, o contacto coa alumnado.... a súa frescura e dinamismo. Nunca é igual un curso que outro, nin un grupo nin un ano académico. Depende das persoas, plantexanse retos a diario, sempre tes que estar alerta prestando atención aos sinais que che van transmitindo e debes resolvelos en todos os ámbitos», reflexiona.
O agarimo das familias
Ese agarimo é capaz de transmitilo na conversa. Rosa bota a vista atrás e lembra o seu paso por case todos os estratos da docencia: mestra, secretaria e logo directora. Recoñece que, aínda gardando bo recordo de todos, o colexio do Foxo é sen dúbida o máis especial. Moita culpa téñena as familias. «Cando falo delas sempre teño a sensación de que confían plenamente en nós, deixan os seus máis prezados tesouros nas nosas mans e iso esixe unha grande responsabilidade. A xente desta zona é moi boa, en todos os anos que levo como directora sempre me sentín moi respectada, pero non so foi comigo, senón con toda a comunidade educativa», sinala.
Polas súas mans pasaron moitos rapaces da Estrada. Rapaces que xa son pais e nais e cuxos fillos conservan ese amor cara Rosa. «Para min é un pracer enorme cando veñen fillos de ex alumnos a este colexio e cando se achegan noto un respecto e un agarimo cara min», apunta.
«Non son unha heroína»
En outubro a comunidade escolar do CEIP do Foxo agasallou a Rosa cunha merecida homenaxe. Una xornada de vivencias inesquecibles que lembra aínda cunha grande emoción. «Aquelo foi espectacular, pilloume totalmente de sorpresa. Foron un cúmulo de emocións que aquel día non fun capaz de dixerir, ao día seguinte tampouco e logo pareime a reflexionar. Cada vez que leo no libro que me fixeron —Palabras para Rosa— o que escribiron sobre min éntrame un nerviosismo interno no que penso que esa non podo ser eu. Non me considero unha superheroína como me poñen, son unha peza máis da engrenaxe dun conxunto de persoas que cren no que están facendo», asegura.
Os alumnos tamén lle agasallaron con cantigas e poesía, pero o máis especial é o seu afecto. «Como directora teño un papel un pouco máis impoñente, pero despois daquelo os nenos pequenos viñan e abrazábanse a min. Esa aperta dos nenos dígoche que me conmove a alma», confesa. Rosa dálle un gran valor ao contacto cos nenos, esa frescura que fai de cada día unha nova aventura. «Ti podes vir cun problema da casa e cando entras na aula eles tiran de ti e esquéceste por un momento dese problema que traías», di.
Se bota a vista atrás, xamais imaxinou que ía recoller tanto cariño. «Nunca pensei na miña vida que ía ter esta despedida. E non fai falla iso, xa noto o cariño da xente, o respecto e o agarimo nas miradas dos nenos, nese xesto de abrazarse á hora da entrada. Sempre estiven contenta, pero este centro é un paraíso educativo para min», asegura.
Confianza nos que quedan
Aínda queda mes e medio de curso e Rosa aínda non matinou qué fará nese primeiro día sen ter que ir á escola. O que ten claro é que seguirá sendo un centro de referencia no municipio da man das novas xeracións. «Non o pensei nin o quero pensar. Teño 65 anos e atópome ben, podería continuar pero é o momento de dar paso a outra xente. Teño grandísimos compañeiros que saben que poden contar comigo para o que precisen. Hai xente moi competente e seguen formando un gran equipo, teñen instaurada no seu interior esta filosofía de traballo», sostén.