A taberna que volve á vida para poñer en valor o rural estradense

David Cofán Mazás
David Cofán A ESTRADA / LA VOZ

A ESTRADA

cedida

Beatriz De la Fuente Fernández reabriu a Taberna de Sequeros cunha proposta que busca compartir ocio e produtos locais

18 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

As tabernas do rural sempre foron moito máis que un lugar onde tomar o viño e botar a partida. Eran espazos de reunión, onde os veciños da parroquia facían comunidade, festexaban e choraban xuntos. Na actualidade quedan moi poucas incluso nun concello coma o da Estrada, no que máis da metade da poboación aínda vive no rural. Son moitos os que devecen por que volvan á vida nun momento no que as aldeas baléiranse, entre outros moitos factores, pola ausencia de ocio e servizos. Pois ben, en Sequeros, entre as parroquias de Lamas e Rubín, hai unha muller que decidiu escoitar aos veciños e lanzarse á aventura.

Beatriz De la Fuente Fernández, máis coñecida coma Beti, reabriu onte a taberna da aldea. Despois de moitos anos de abandono, apostou por darlle un lavado de cara ao local e poñer en marcha un negocio que pretende non só dar acubillo aos veciños, senón promocionar o potencial gastronómico e turístico do rural estradense. «Estou nerviosa, pero tamén ilusionada. É a primeira vez que traballo disto e quero que saia o mellor posible», comenta Beti.

Veciña da zona, tamén lembraba con agarimo esa época na que as tabernas eran o epicentro social da aldea. «Agora xa case non hai e a xente vaise para A Estrada. Decidín abrila porque moitos veciños queixábanse de que non había xa tabernas onde parar a tomar algo», explica. No día a día ofertará bocadillos e hamburguesas, así coma tapas. Pero eses pinchos non serán uns calquera, senón que apostará pola riqueza gastronómica da Estrada. A súa intención é que a taberna funcione como un espazo para dar a coñecer produtos e recursos do rural, ofertando elaboracións con salmón, meles, sidra, aceite de oliva...

Un escaparate

Non son poucos os alimentos que saen do campo estradense e nesta taberna poderanse atopar ao longo do ano. Quere que as tabernas deixen de ser unicamente sitios onde beber e xogar, para que se convertan nun escaparate do moito que pode ofertar A Estrada. Xunto coas tapas, pretende facer xornadas promocionais co fin de compartir ocio e cultura rural.

Porén, lembra que aínda está comezando —de feito inaugurouse onte—, polo que co paso do tempo irá implementando todas as ideas e novidades que maquinou coa colaboración dun grupo de mulleres da zona. Neste sentido, cabe destacar que non todo será gastronomía.

A Taberna de Sequeros está concibida como un lugar no que tamén se de a coñecer os diferentes encantos turísticos e paisaxísticos do rural do concello. Prevén publicitar rutas como a dos muíños de Golfariz ou as da Sidra, así coma lugares ideais para visitar que non están moi lonxe da taberna como a Fervenza de Callobre, a Lagoa Sacra de Olives ou os Maimóns de Curantes. O traballo para chegar ata o punto de partida non foi sinxelo. A antiga taberna, devorada pola inactividade durante tantos anos, necesitaba un importante esforzo para adecuala. Pero o resultado foi bo e a inauguración unha festa para enchela de ilusión.