Alfredo González, presidente de Acoe: «Estamos tocados pero non afundidos»

Rocío García Martínez
rocío garcía A ESTRADA / LA VOZ

A ESTRADA

Miguel Souto

O dirixiente da asociación de comerciantes da Estrada defende a vitalidade local a pesar da crise no sector

24 ene 2025 . Actualizado a las 17:03 h.

As crúas declaracións dun empresario atribuíndo o peche do seu negocio na A Estrada á falta de vitalidade do pobo provocaron esta semana un acendido debate na vila. O presidente da Asociación de Comerciantes da Estrada (Acoe) ten moito que dicir no asunto.

—Está ou non está morta A Estrada?

—Non está morta para nada. Penso que foron unhas declaracións desafortunadas. Entendemos a frustración deste empresario que seguramente investiría moito no seu negocio e tivo que pechar, pero evidentemente non é o que pensamos a maioría. Estamos tocados pero non fundidos.

—Por que cre que está tocado o sector?

—A situación está moi complicada, pero non só na Estrada, senón a nivel global. Os peches de comercios en Galicia duplican ás altas e na Coruña cada vez é máis frecuente ver rúas enteiras sen comercios nos baixos. Inditex pecha as tendas de Bershka en Pontevedra e Vilagarcía e ata as plataformas dixitais ás que tanto medo lle tiñamos baixaron as vendas. Eu o que vexo é que hai un cambio de tendencia. Agora antepoñemos o ocio, a festa, as vacacións... Disfrutar un pouco máis da vida, que aquí estamos catro días. O sector comercial estao notando. Rebáixase o consumo. En todos os sectores hai subidas e baixadas e agora estanos tocando a nós. Moita xente vai quedar polo camiño.

—Por que cre que moitos van quedar polo camiño?

—Moitos xa están pasando apuros. As vendas baixaron e os gastos fixos suben: os soldos, a Seguridade Social, o IPC... Moitos comerciantes non teñen soldo, están traballando por un prato de comida. Moitos están no arame, pero para os pequenos un empregado é como da familia e amarga baixar a reixa.

—Cantas reixas se baixaron no último ano na Estrada?

—Desde a Acoe temos contabilizados 15 peches no 2024 e unhas oito aperturas. Estamos na media galega, cos peches duplicando as aperturas. En hostalería tamén sabemos de dous peches e unha apertura, pero penso que aquí a hostalería está aguantando mellor, quizás por iso que comentabamos das ganas da xente de saír da casa, de divertirse, que non é malo, aínda que afecte a outros consumos.

—E que se pode facer para non tocar fondo?

—O futuro pasa por unha peonalización profesional. Comercio, paseo e hostalaría están moi relacionados. Aquí na Estrada xa se veu. Ata quen se opoñía á peonalización das rúas Ulla e Calvo Sotelo recoñece agora que foi un acerto. Se non fora por ela máis comercios terían pechado. José López deixou os deberes ben feitos e a Gonzalo Louzao correspóndelle seguir por ese camiño, coa peonalización da Praza da Farola. Pero hai que ser máis ambiciosos e apostar por unha peonalización profesional. Na Calvo Sotelo e Ulla hai que colocar mesetas e bancos no medio e medio da rúa e recolocar as farolas para que non queden en liña e dea máis aspecto de rúa peonal. Hai que darlle unha volta, porque vai ser o futuro do Centro Comcercial Aberto da Estrada. Xa oín de dous proxectos novos de hostalaría na rúa Calvo Sotelo...

—Que lle diría aos clientes e aos políticos?

—Aos políticos que aparquen as súas diferenzas e que tiremos todos para o mesmo lado. Aos clientes, sempre dixen que o euro que gastas no pobo sempre volve a ti. E cada vez é máis certo. Coñezo pobos nos que pechou o 60% do comercio e agora estanlle subindo os impostos.