Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

A mestra Rosa Ferreira acada o Premio Honorífico ao Labor das Mulleres 2025

Rocío García Martínez
rocío garcía A ESTRADA / LA VOZ

A ESTRADA

Miguel souto

A gañadora foi elixida por unanimidade trala proposta da Anpa do Foxo

01 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A mestra estradense Rosa María Ferreira Castro vén de acadar o Premio Honorífico ao Labor das Mulleres concedido polo Concello da Estrada con motivo da conmemoración do 8 de marzo como Día Internacional da Muller. A proposta, que foi presentada pola Anpa Alecrín do colexio do Foxo, acadou a unanimidade do xurado que impulsa este galardón, que xa suma trece edicións.

Nacida na Estrada no ano 1959, Ferreira é mestra diplomada nas especialidades de Primaria, Lingua Galega, Matemáticas e Ciencias da Natureza. Despois de ter iniciado o seu labor docente no ano 1980 no CEIP Ramón de Valenzuela da Bandeira e de pasar polo CEIP Plurilingüe Varela Buxán de Cercio e o Manuel Vidal Pondal de Pontevedra, obtivo destino definitivo en Catoira. No ano 1991 foille adxudicada a praza no CEIP do Foxo. Neste centro da Estrada exerceu durante 32 anos, sendo secretaria no curso 1995-1996 e asumindo a dirección dende o 1998 ata o curso pasado.

Deste xeito, Rosa Ferreira consagrou á ensinanza 44 anos da súa vida, 23 deles como directora. Da súa man, o colexio do Foxo converteuse nun centro fondamente implicado coa actividade cultural. De feito, foron claves na súa traxectoria profesional o fomento da cultura na escola e o feito de entender a comunidade educativa en maiúsculas, apostando pola xestión en equipo.

Son incontables as ocasións nas que Ferreira Castro participou en iniciativas culturais de toda natureza, dende o fomento das bibliotecas escolares ata a creación dunha pinacoteca no Foxo, pasando pola achega de múltiples persoeiros da cultura galega ás aulas do Foxo ou a defensa do idioma galego. Reúne tamén esta docente méritos no referente ao empoderamento feminino e no fomento da incorporación da muller ao mundo laboral.

Rosa Ferreira deixou fonda pegada nos ilustres visitantes do CEIP do Foxo ao longo destes anos. Dende Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda a Alfonso Montero ou o crítico literario Armando Requeixo, quen recentemente recoñecía nun volume bibliográfico a «calidade da súa praxe pedagóxica» e a súa «entrega contaxiosa a toda iniciativa que conduza á maior e mellor formación integral, autenticamente humanística, do alumnado ao seu cargo». «Rosa logrou que o CEIP do Foxo seguira sendo e avanzase en ser un referente para toda Galicia na promoción e difusión da nosa cultura e da nosa literatura», dixo dela o secretario xeral da Lingua, Valentín García.

«Rosa ten a admiración, o respecto e o agarimo da comunidade educativa do Foxo, da sociedade estradense e de todas e todos os que temos a infinda honra de compartir un anaquiño da estrada da vida», sinala a candidatura do premio.

Entrega o venres 7 de marzo

Exposicións, libros, roteiros culturais, obradoiros teatrais, obradoiros de poesía ou encontros con escritores, pintores e cantautores levan impreso o selo de Rosa María Ferreira Castro, a quen o próximo venres, 7 de marzo, o Concello da Estrada lle entregará o Premio Honorífico ao Labor das Mulleres de 2025 nun acto convocado para as 20.00 horas, na sala Mome. O evento estará aberto a toda a cidadanía.