Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

As parroquias fan Europa

Gonzalo Louzao

A ESTRADA

15 mar 2025 . Actualizado a las 21:46 h.

Vivimos nun mundo no que xa non existen distancias nin fronteiras. A información viaxa de xeito instantáneo dun recuncho do planeta a outro. A imaxe, a voz, os datos... todo voa en tempo real na chamada sociedade da información, dende calquera lugar que poidamos imaxinar ata as súas antípodas. Velaquí a imaxe do que o sociólogo Marshall McLuhan bautizou como «aldea global», recollendo as consecuencias da comunicación inmediata e mundial de calquera información que posibilitan os novos medios de difusión. “Aldea global”. Recoñezo que me encanta a expresión. Non só porque me parece unha metáfora moi plástica e acertada, senón porque, como moitos sabedes xa, son un orgulloso home, veciño e alcalde rural.

A reflexión sobre a aldea global veume á cabeza estes días ao pensar en que as parroquias da Estrada serán as que condensen o maior investimento dos xa coñecidos como fondos ETI, siglas de Estratexia Territorial Integrada, procedentes da Unión Europea. Se todo marcha segundo o pretendido polo goberno que encabezo, o rural percibiría o 60% do montante que o Concello xestionaría nesta nova convocatoria. Serían arredor de seis millóns de euros nunha acción que chegará ás 51 parroquias e á metade dos 470 núcleos rurais nesta primeira fase.

Se nos tomamos a liberdade de adaptar a definición de MacLuhan e a aplicamos ao tema que nos ocupa, ben poderiamos dicir que as parroquias fan Europa nun mundo que é unha aldea global. E non falo xa en sentido metafórico. Coido que apostar por destinar fondos europeos ao ámbito rural é canalizar axeitadamente o seu potencial transformador; estendelo, proxectalo, amplificalo e facer que chegue a cada veciño, máis aínda nun municipio tan rural,territorialmente amplo e poboacionalmente disperso como é A Estrada.

As parroquias fan Europa, si. Estou plenamente convencido. Este investimento ten que chegar ao conxunto da poboación. O que se cre afastado ten que facerse próximo. Se nas convocatorias anteriores se empregou para continuar transformando e mellorando o casco urbano —algo que me parece completamente lóxico e xustificado, atendendo á densidade de poboación, ás necesidades existentes e á propia capitalidade do municipio­— desta volta son as parroquias, nas que residen tantas e tantos estradenses, as que protagonizarán boa parte desta aposta. Todos, rurais ou urbanos, somos veciños da mesma aldea global e, por suposto igual de europeos. Penso que na Estrada estamos a piques de ratificalo e evidencialo, unha vez máis.

O documento que rexerá a estratexia do noso Concello neste contexto, o chamado Plan de Acción Integrado (PAI), bautízase como “A Estrada do rural e dos servizos públicos”. Paréceme que é unha boa filosofía e toda unha declaración de intencións. Este non é un camiño sinxelo, non pensen. O esforzo municipal nesta empresa terá que ser moi grande, xa que a senda financeira cobre, con cartos chegados de Unión Europea, non máis do 60% do investido. E falamos dunha suma de 10 millóns de euros. Xunto coa reforma da Casa da Música e a creación dun edificio integrado para Servizos Sociais (propio do século XXI) no antigo INEM, o proxecto A Estrada Conecta buscará mellorar infraestruturas no noso amplo rural, fortalecendo mobilidade, seguridade e accesibilidade.

Como alcalde e como estradense, defendo que o noso PAI é unha boa oportunidade para seguir construíndo Europa. Na Estrada farémolo dende as parroquias. Dende todas, da primeira ata a 51. Porque, no mundo do inmediato e da rapidez da interconexión, o local xa é global.