Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

A Estrada brillou nuns Mestre Mateo con premio para Lalín con Adela Otero

David Cofán Mazás
David Cofán LALÍN / LA VOZ

A ESTRADA

O saxofonista da banda estradense, Darío Loureiro, foi elixido mellor actor, recibindo a estatuíña de mans do responsable de Minicines Central, Luis Rivadulla, que entregou catro galardóns. Tamén foi recoñecido o traballo de Silvia Fuentes en «Filmei paxaros voando» e de Jorge Castro, que participou na rodaxe de «Poscoito», mellor serie web

17 mar 2025 . Actualizado a las 19:51 h.

Os Mestre Mateo serviron, unha vez máis, para demostrar o enorme potencial e talento dos profesionais do audiovisual das comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes. A cerimonia fuxiu das cidades para refuxiarse nun entorno rural e, non por casualidade, a entrega de premios recoñeceu o magnífico traballo de artistas e técnicos criados e formados na zona. Cinco deles foron protagonistas da festa do audiovisual galego.

Unha das estatuíñas máis importantes recaeu nun estradense de adopción coma Darío Loureiro. O seu premio a mellor interpretación masculina polo seu papel en Rapa foi un dos momentos da noite, e na Estrada sentiron coma propio o recoñecemento, xa que Darío é saxofonista da Banda de Música Municipal.

«Que orgullo e alegría. É un recoñecemento a unha carreira chea de esforzos. Quen coñece a Darío sabe que a perseveranza e el van collidos da man. Ten todos eses valores que fan a unha persoa especial», publicaba a formación estradense nas redes sociais. Unha felicitación á que se sumou entre outros, o alcalde, Gonzalo Louzao.

Darío quixo dedicar o premio «aos meus amigos da Estrada e de Vigo», sinalaba no escenario do Arena con emoción. Precisamente recolleu a estatuíña de mans doutro estradense, Luis Rivadulla, quen entregou catro galardóns acompañado de Isabel Blanco, vicepresidenta da Academia.

O responsable de Minicines Central aproveitou o seu paso pola cerimonia «para dicirlles a todos que hai que ir ao cine, en galego», lanzando un agarimoso saúdo para «os distribuidores galegos de cine, que a estas horas estarán poñendo algunha película». Rivadulla concluíu invitando aos espectadores a pasar pola Estrada, porque «seguro que atoparedes cine galego».

Talento local

A lalinense Adela Otero foi profeta na súa terra, recollendo ante os seus veciños o Mestre Mateo a mellor videoclip polo seu traballo con Mondra. Adela foi a codirectora e directora de produción de Marimondra.

Tamén fíxose cun Mestre Mateo a estradense Silvia Fuentes, encargada da produción da cinta premiada a mellor documental, Filmei paxaros voando.

Por último, Poscoito, galardoada como a mellor serie web nos Mestre Mateo, conta entre as súas filas co estradense Jorge Castro, un dos gaffers (encargados da iluminación das escenas e os escenarios) desta obra, que estivo presente na cerimonia.