«O recoñecemento é marabilloso, pero para comer ten que soar o teléfono»

Rocío García Martínez
rocío garcía A ESTRADA / LA VOZ

A ESTRADA

Adrián Freiría

O artista mantén desde neno unha estreita relación coa vila da Estrada

18 mar 2025 . Actualizado a las 16:07 h.

O premio ao mellor actor para Darío Loureiro (Teo, 1997) por Rapa na cerimonia dos Mestre Mateo encheu A Estrada de ledicia esta fin de semana. Aínda que o actor reside en Teo, ten raíces estradenses e unha fonda vinculación coa vila. A Estrada aplaudiu como propia a súa victoria e el garda sempre para a vila un recuncho no seu corazón.

 —Na estrada celebrouse moito o seu éxito. Non hai mais que ver as redes sociais. Cal é o seu vínculo coa vila?

—O meu pai é da Estrada, de San Andrés de Vea e, aínda que me criei en Teo, eu sempre tiven moita vinculación coa Estrada. Estudei música no conservatorio da Estrada e toco o saxo na Banda de Música Municipal da Estrada desde hai 15 anos. Tamén estou en Tequexetéldere desde hai anos, tocando o saxo, a percusión ou o que faga falta. Agora vou menos porque non me da o tempo para todo, pero aí sigo. Teño moitos amigos na Estrada.

—Como comezou a súa carreira como actor?

—Empecei con sete anos, na serie da TVG Maridos e mulleres. Estaba nun grupo de teatro no cole e, a modo de experiencia, a profesora propúxolles aos nosos pais que nos levaran a un casting que había na TVG para unha serie na galega. Íamos pola experiencia, pero ao final colléronme.

—Como foi esa primeira experiencia a tan curta idade?

—Fun moi feliz. Todo son bos recordos. Todo foi moi fácil. Todo o mundo me coidaba moito. Interesáballe que estivera a gusto para que todo saíra ben pero ao mesmo tempo eu vía que tiña que responder para non facer parar a un equipo de oitenta persoas.

—Entón gustoulle o oficio desde o primeiro momento?

—Si. Despois viñeron outras series. A xente dese mundo foime vendo medrar. Eu pensaba: isto para min é un xogo, pero seguro que cando medre, se o teño como traballo, vouno odiar. Pero todo o contrario, cada día que pasa gústame máis.

—En cambio, á hora de elixir estudos, decantouse por outra rama, non?

—Cando empecei con sete anos todos os compañeiros lle dicían aos meus pais que era unha profesión complicada. Aconsellábanme ter algo a maiores polo que puidera pasar. Foi por iso que ao final decidín estudar Enxeñería Industrial en Vigo, pero de momento non traballei como enxeñeiro, só fixen unhas prácticas porque ao acabar a carreira fixen un máster de dous anos e acabeino aínda o ano pasado.

—Como se ve nuns anos, de actor ou de enxeñeiro?

—Gustaríame ser actor, pero seguramente teña que traballar tamén de enxeñeiro, pero tamén me gusta moito.

—Enxeñeiro, actor, músico... De onde saca o tempo?

—O tempo hai que aproveitalo. Se o perdes, non vale para nada. No colexio, cando estaba con algunha serie, teño estado máis gravando ca na clase. Os profesores non me poñían pegas. Dicíanlle aso meus pais que, con tal de que de aprobara non había problema. Eu sabía que se suspendía se acababan as series, así que, pola conta que me tiña, tiña que aprobar. Tíñalle que meter horas, pero compensábame.

—Que significa para vostede o Mestre Mateo?

—Faime moi feliz recollelo porque vota a xente da profesión e iso significa que valoran o teu traballo. Estou moi contento e agradecido.

Como ve o seu futuro como actor?

—Neste oficio rematas unha serie e nunca sabes cando vai vir a seguinte. Sempre hai certa incertidumbre. Agora estamos arrancando outro proxecto que non podo desvelar, unha serie que me fai moita ilusión. Despois xa veremos. Non te podes poñer a pensar no futuro senón... Os premios están moi ben. É un recoñecemento marabilloso e estou moi agradecido, pero o que dá de comer é o traballo e ten que soar o teléfono.