
Ata 150 persoas participaron nunha rodaxe que tivo lugar na Estrada empregando unha técnica inédita en Galicia
24 abr 2025 . Actualizado a las 12:55 h.Pode unha escena de 12 segundos convertese nun videoclip de 4 minutos? A resposta é un rotundo si. A banda da Loba demóstrao no seu novo tema, Olliños, acompañado por unha gravación mínima que puido estenderse ata os máis de catro minutos que dura a canción.
Baixo a dirección e concepto inicial de Pablo Fontenla, de Crea, o videoclip foi rodado nun plano secuencia sen cortes en tan só 12 segundos. Un período de tempo que, grazas a técnicas de gravación de altísima velocidade nas que se captan máis fotogramas pro segundo, cubriu por completo a duración do tema. Para acadar esta velocidade na rodaxe empregouse un vehículo a motor para o travelling da cámara ao longo dos 100 metros de percorrido no interior dunha nave da Estrada, que foi reconvertida en plató para a ocasión.
Axuda estradense
O desenvolvemento conceptual do videoclip pretende expresar a lírica do tema a través dos contrastes entre vestiario de cores e atrezo ou metáforas visuais integradas en efectos de posprodución. Por exemplo, a auga mariña, as lúas cheas ou as estelas de luz que aparecen nas imaxes. Tamén se empregou lume real, recreando unha sorte de mundo ao Alicia no país das marabillas. Os efectos visuais que aderezan o traballo forno integrados por Martín DeSoto.
Na gravación participaron 150 persoas convocadas a finais de novembro a través de diversas chamadas nas redes sociais e nos medios de comunicación. Entre elas, destacan as colaboracións da academia de baile SondoDance e o club Ximnasia A Estrada. Do mesmo xeito, tamén colaboraron o Concello de A Estrada e patrocinadores como O Copión, Copistrada ou Petiscos.
Electrónica
Olliños supón a primeira incursión na música electrónica de A Banda da Loba. «Intentamos non poñernos cancelas á hora de elixir a estética dos nosos temas e tiñamos pendente achegarnos á electrónica. Non puido ser da man de persoas máis talentosas e experimentadas que os amigos de Terrae», sinalan.