Nado en Forcarei, foi fundador e presidente da Federación Guipuscoana de Casas Rexionais
14 oct 2022 . Actualizado a las 19:15 h.Esta semana coñeciamos o falecemento de Xosé Antonio Vilaboa Barreiro no seu Euskadi de adopción. Vilaboa era un auténtico embaixador de Galicia, nacera en Forcarei hai 83 anos e o seu labor profesional na construtora Dragados como enxeñeiro levouno a Donostia, onde formou a súa familia. Era pai de dous fillos avó de catro netos. Estivo á fronte de numerosas obras de importancia e tivo que levar escolta durante unha época polas ameazas da banda terrorista ETA.
Era un home polifacético, artista e escritor, amante da boa gastronomía, foi coñecido por impulsar e dirixir o movemento asociativo de galegos en Euskadi. Foi, entre outras moitas cousas, presidente da Casa de Galicia de San Sebastián ou presidente da Confraría da Queimada no País Vasco. Foi fundador e presidente da Federación Guipuscoana de Casas Rexionais e un dos máis ferventes defensores e promotores do Camiño, que percorreu polos seus diferentes itinerarios.
Habitual da feira gastronómica Xantar, en Expourense, regresaba con frecuencia a Galicia. Gran conversador, recordo cando sabedor da miña afección polos fungos me contou que mercara o seu primeiro traxe a mediados do século pasado coa venda de Claviceps purpurea «cornizó», cogomelo alucinóxeno que parasitaba o cereal galego e que os boticarios aproveitaban polas súas propiedades medicinais.
No 2016 recibiu a medalla Castelao, moi merecida, xa que non aforraba tempo para adicarllo á promoción de Galicia en Euskadi nin para axudar aos galegos que emigraran a esa terra. Xa recibira varias distincións con anterioridade, como a do mérito cidadán en Donostia. Sen dúbida unha das obras que el promoveu e que permanecerá para sempre é a escultura en homenaxe a Castelao no barrio de Intxaurrondo, que non é mais ca unha mostra e metáfora dun corazón dividido polas súas dúas terras.