Os alumnos de Forcarei leron poemas da autora nos comercios
24 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Todos os concellos da comarca se volcaron este venres coas celebracións do Día de Rosalía. Na Estrada, onde xa o xoves se presentara un videoclip en homenaxe á autora, o colexio do Foxo foi un dos moitos que contou con actividades específicas: desde os debuxos asociados a poemas de Rosalía creados polos nenos de educación infantil ata as cancións, o manifesto e a performance Rosalía, unha fiestra aberta cara a liberdade dos maiores.
En Lalín O Café de Mili organizou un acto para conmemorar o Día de Rosalía de Castro no 187 aniversario do seu nacemento e para lembrar que outro insigne da cultura galega, o pintor José Abeledo, Laxeiro, tamén naceu ese día hai agora 116 anos. Representantes do mundo cultural de Lalín e da Asociación Amigos de Wily participaron na celebración, que incluía recitais, música e ata un par de tortas con velas de aniversario.
Silleda festexou a data facendo soar poemas musicalizados da escritora desde os altavoces da fachada da casa consistorial. Na Bandeira, o Centro Cultural Vista Alegre acolleu un recital que culminou coa degustación dun Caldo de gloria, un prato humilde descrito no poema da autora Miña casiña, meu lar.
A conmemoración chegou en Rodeiro coa presentación do libro Leliña de Mary Carmen Ruzo, a entrega de premios do concurso de lendas, contos e outras historias e a exposición de fotos do concurso A muller rural.
Por último, os alumnos do IES Chano Piñeiro de Forcarei saíron á rúa para divulgar a obra da autora recitando poemas nos comercios locais.