Patrimonio milenario xunto á N-120 en Monforte

LALÍN

17 feb 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A silueta do castro de Babela, na parroquia de Distriz, chama poderosamente a atención cando se entra ou se sae de Monforte pola estrada N-120 en dirección a Ourense ou pola antiga estrada de Sober. A pesar da súa estratéxica situación, moi próxima a estes viais, ata agora non se formulou publicamente a posibilidade de acondicionar dalgún xeito esta paraxe arqueolóxica. Unha posibilidade que agora parece aínda máis improbable, debido ao recente achado dun asentamento castrexo no monte de San Vicente, en medio da zona urbana.

O arqueólogo Iván Álvarez opina a este respecto que «se en Monforte hai que escavar e acondicionar agora algún castro, xa se sabe cal é, e de momento non habería que pensar en máis». Refírese ao xacemento de San Vicente que, segundo indica, pode proporcionar achados importantes e ofrece un particular interese por ser a proba da existencia dun poboamento castrexo-romano no núcleo histórico da cidade, o que nunca puidera demostrarse ata agora.

Álvarez tomou parte nunhas catas arqueolóxicas que se realizaron hai poucos anos no entorno de Babela con motivo das obras do enlace da N-120 e o corredor de Lalín, que pasa ao pé do monte onde se encontra o castro. Naquela ocasión acháronse, entre outros restos, numerosas mostras de cerámica castrexa e un trozo dun antigo camiño. Sábese tamén que hai bastantes anos se encontrou nesta zona un machado de bronce, cuxo paradoiro se descoñece na actualidade.

Ubicación interesante

A ubicación do castro de Babela é considerada moi interesante para a divulgación do patrimonio polo arqueólogo Xabier Moure Salgado, autor dun extenso catálogo do patrimonio prehistórico da provincia. Na súa opinión, «é unha pena que nun castro tan ben situado como ese non se fixera polo menos algunha actuación sinxela. Téndoo tan perto da cidade e xunto a unha vía de comunicación importante, podía atraer moitas visitas e suporía un atractivo potente para Monforte. É moito máis fácil de localizar que outros castros que están situados en lugares illados e pouco accesibles e que, con todo, son capaces de atraer un bon número de vistantes», agrega.

Moure cre que «con facer algunha pequena operación de acondicionamento, desbrozar a zona e habilitar algún acceso, tendo coidado de non estragar nada, xa sería suficiente para animar á xente a pararse alí e botarlle unha vista». Ao seu xuízo, por debaixo da maleza que cubre actualmente o antigo asentamento é posible que se conserven restos de murallas ou algún outro elemento susceptible de restauración. «Xa hai bastante tempo que non o visito, pero cando o vin, comprobei que na zona norte se conservaba unha parte dun muro composto maiormente por cascallo que tiña un par de metros de altura pola parte interior», explica.

O arqueólogo sinala que pode considerarse representativo do tipo máis frecuente en Galicia.