Castelao inspira á Carballeira

Amelia Ferreiroa

LALÍN

A formación, que actuou en Logroño a pasada fin de semán, prepara festival e viaxe á localidade lusa de Penafiel

22 abr 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Coa chegada da primavera comezan os meses máis álxidos para as formacións musicais. Moitas son as actuacións que xa están fixadas nas respectivas axendas. O grupo folclórico A Carballeira de Cercio (Lalín) recoñece que a axenda está xa bastante ocupada, pese a que restan varias semanas por diante, para seguir enchendo ocos. A agrupación recén está chegada de Logroño onde participou nun festival internacional de baile. «Fomos convidados pola Casa de Aragón na Rioja. Eles xa tiñan referencias nosas, de cando estivemos actuando en Calatayud, e nos chamaron para ir alá. O festival que celebran é impresionante e foi seguido por máis de mil persoas. Dúas horas de duración e nós eramos o único grupo galego en actuar. De feito veu moita xente da Casa de Galicia a ver o festival, e logo estivo falando con nós. Estaba tamén actuando un grupo cubano. Foi un gran espectáculo. Decir que a Casa de Aragón ten un grupo propio que será o que logo nos visitará en Cercio», explica Javier Blanco de A Carballeira. Un grupo de actuará no décimo cuarto festival de A Carballeira que se celebrará o 17 de xullo. «Será a segunda ocasión que teremos en Cercio de ver aos maños en acción».

Pero o grupo xa está traballando tamén na elaboración do seu cuarto espectáculo, que estreará -coma sempre- na casa. «Certo que este ano por ser Ano Santo Xacobeo pensamos en facer algo relacionado co Camiño pero finalmente nos decantamos por Castelao. Estamos na fase de lectura do seu libro «Cousas», do que imos trazar guión e a principios do mes de maio ten que estar listo para arrancar cos ensaios». Pero a actividade creativa de A Carballeira non remata aí. As distintas seccións do grupo teñen a intención de presentarlle ao público novidades. «A idea é estrear novos bailes. O grupo de maiores presentaremos dous ou tres e os pequenos, un. É un ano de cambios, de innovacións».

E namentras non se materializan todos estes proxectos, continúa completándose a axenda. Para o vindeiro 16 de maio xa están anotadas dúas saídas. «Non son fóra. Son na comarca pero sempre benvidas e importantes. Estaremos no Corpiño, pola mañán, e tamén nos contrataron para actuar na celebración do San Isidro de Vila de Cruces». E será no mes de agosto cando a agrupación viaxe ata o país veciño. «Se non hai cambios será o 7 de agosto cando actuaremos en Penafiel. É un intercambio que faremos a través do Concello de Lalín, e que se xestou cando os portugueses viñeron a presentar o seu Cozido á Portuguesa, dentro dos Cocidos no Camiño que organizou o Xacobeo e o Concello de Lalín».