A agrupación que preside Fórneas prepara o seu cincuenta aniversario
19 feb 2014 . Actualizado a las 07:00 h.José Fórneas Montero empezou a cantar na coral de Chantada hai seis anos, cando tiña 67. Non se pode dicir que a súa sexa unha afección de toda a vida. Tampouco que o fixese para aproveitar o tempo libre da xubilación, porque en realidade este exsacerdote secularizado e reconvertido en funcionario xudicial, non se retirou laboralmente ata que cumpriu os 70. Meteuse na coral para pasalo ben, claro, pero sobre todo para «contribuír á cultura local e axudar a elevar o nome de Chantada». Leva xa cinco anos como presidente e está preparando a conmemoración do cincuenta aniversario da fundación desta agrupación musical. Agarda que a efemérides lles sexa útil para levar xente nova á coral.
-¿Diría que a coral está nun dos mellores momentos destes cincuenta anos de historia?
-Penso que podía estar mellor.
-¿Fáltalles xente?
-Realmente, non. Somos 35 máis o noso director, Marcos Fernández Varela. Noutras etapas penso que chegou a haber algo máis de cincuenta membros coralistas, pero esa cifra paréceme un pouco alta de máis. Non é fácil conxugar cincuenta voces. Cos que estamos amañábamos ben. Non é que falte xente, é que nos falta xente nova.
-¿Cantos anos ten o máis novo?
-Sobre 50. Pero a maioría andamos entre os 60 e os 70 e pico. Que entre xente nova é garantía de futuro. Pero é que ademais, ter xente con preparación, que saiba ler música, arrastra aos demais, é unha boa influenza. Pero o caso é que á xente nova en Chantada dálle máis pola banda de música que pola coral. E iso a pesar de que hai unha academia de música que levaba o falecido don Modesto Fernández Rodríguez, que foi o fundador da coral, un centro que está formando rapaces para o conservatorio de Lalín. Pero é que aínda que quixesen vir á coral, en canto acaban o instituto a maioría marchan estudar fóra.
-Pero iso pasaralle tamén á banda...
-Pasará, pero eles teñen os ensaios en fin de semana, e ademais se tocas un instrumento sempre podes levalo a onde esteas e ensaiar ti só. Unha coral necesita máis xuntanza.
-¿Teñen algo pensado para atraer xente nova?
-A ver se o conseguimos coa conmemoración do cincuenta aniversario.
-¿Que actividades teñen preparadas?
-Estamos aínda preparando o programa, pero posiblemente fagamos unha semana de actividades ao redor do 8 de novembro. Xa está decidido que ese día teremos un concerto no que cantaremos a coral Belesar, de Baiona, a de Silleda e nós. Probablemente preparemos tamén un concerto conxunto cos outros grupos de Chantada que ensaian na Casa da Música, como a banda. E queremos editar unha revista que repase a historia da coral. Xa temos encargadas vinte colaboracións e contamos co respaldo da área de Cultura da Deputación de Lugo. E é posible tamén, que intentemos montar unha exposición con material antigo da coral. para iso faríanos falta que a xente de Chantada que ten fotos, ou programas de man ou calquera recordo da coral, nolos ceda temporalmente para esa exposición. A ver se nos dá o presupostos. Para a conmemoración queremos tamén comprarlle traxes novos ás mulleres.
-¿E os homes que?
-A ver se para o ano temos cartos.
josé fórneas músico desde que se xubilou