A presenza de Xerardo Fernández Albor en Lalín

Daniel gonzález alén LALÍN

LALÍN

Daniel González Alén

Nos anos 50 o político e médico cirurxián mercou unha parcela e construíu un chalé na Trigueiriza

13 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Os medios de comunicación enchen páxinas e espazos tralo pasamento do que fora presente da Xunta de Galicia, Xerardo Fernández Albor. Da súa faceta política e mesmo da profesional coma médico cirurxián, abonda documentación e testemuños de moitos que o coñeceron e o trataron. Por iso deixando ao marxe isas facetas ben coñecidas que agora todos gaban e algúns mesmo tiran proveito, imos deixar constancia ata onde sabemos da súa relación con Lalín que para moitos quizais non sexa coñecida dabondo.

Lembramos que a finais dos anos 50, cando o mozo doutor en medicina xa acadara algunha sona, mercou unha parcela e construíu un chalé na urbanización que entón promocioaba na Trigueiriza o delegado comarcal de Sindicatos, Siro García Guitián, onde este tamén estaba a erguer outra construción para si. A idea era de utilizalo como segunda residencia e na decisión puidera influír a amistade que mantiña co seu colega o médico lalinense Luís González Taboada Licho, que entón era elixido alcalde da capital de Deza e que tamén mercara outra parcela na nova urbanización. Nin un nin o outro chegarían a residir na Trigueiriza, poida que Fernández Albor coidara que Santiago ficaba lonxe dabondo por aquela N-525 estreita e repleta de curvas.

A relación entre Licho e Albor ía máis lonxe do persoal e o lalinense mandaba moitos pacientes que aquí non tiñan tratamento a residencia La Rosaleda que fundara e dirixía o médico compostelán. Os lalinenses e mesmo os dezaos, recibían un trato excepcional segundo nos teñen contado algúns nosos parentes e veciños que se viron na obriga de pasar por aquel recoñecido establecemento compostelán nos anos en que a sanidade había que pagala mesmo empeñando bens ou pedindo prestado.

Pola amizade con Licho e con Siro García Guitián entre outros lalinenses, Fernández Albor estivo presente na primeira Feira do Cocido de 1969. Aínda co pregoeiro fora Alvaro Cunqueiro, o médico compostelán interviu na quenda de oradores para gabar o cocido lalinense no xantar oficial que se pagara a escote no hotel Palacio. E sería ao ano seguinte o pregoeiro oficial da II Feira do Cocido e I de Festa de Exaltación da Comarca. E anos despois cando xa ocupaba a presidencia da Xunta sería nomeado comendador da Enxebre Orde do Cocido.

A título particular e rematada xa a súa longa etapa política, achegábase a Lalín de cando en cando para gozar cos amigos dun enxebre cocido nalgúns dos acreditados restaurantes e mesóns da comarca. Persoa sempre próxima e accesible, home culto e bo conversador, pulcro e mesmo elegante na vestimenta e no xesto, témolo acompañado nalgunha ocasión xunto con outros amigos e compañeiros de profesión de Santiago, para compartir cos de Lalín mesa e mantel. Nunha destas visitas estivemos en Zobra, onde na taberna de Rosa Taboada compartimos un espléndido cocido de encarga e antes fixémoslle unha visita no seu obradoiro a Hortensia Taboada, a derradeira tecedeira de Deza. Daquela xornada, quizais a última de Fernández Albor en Lalín, deixou constancia Celso Seijas Bernabé, nesta foto onde o ilustre galego aparece rodeado dalgúns dos moitos amigos que soubo gañar na súa vida tan longa coma exemplar.