Coa mochila ás costas viaxou por Filipinas, India, Nepal, Sri Lanka e Bangladesh
30 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Cando cría que tiña todas as respostas decatouse de que mudaron as súas preguntas. Presentábaselle un plan de vida a seguir pero Yolanda Castro Reboredo (Catasós-Lalín) reflexionou que nada asinara ao nacer e que se lle abría unha posible opción; a de viaxar. Decisión que implicaba renunciar ao traballo, «arriscarme e atreverme a vivir sen ingresos, non saber o que facer mañán... e viaxar cunha mochila».
-Tiña que derrubar medos e fronteiras... Merquei a pasaxe en febreiro e decidín emprender esa necesidade que tiña de coñecer e aprender máis. Voltar sempre sería unha opción se as cousas non ían ben, pero non quería perder a emoción de estar nun país completamente diferente e de vivir experiencias novas día a día.
-Cales foron os países escollidos para esa viaxe?
-Foron case dez meses por Filipinas, India, Nepal, Sri Lanka e Bangladesh. Foi unha viaxe sen rutas nin plans definidos. Co tempo e cos quilómetros dinme conta que cada día era encontrarme conmigo mesma, malia que non teño claro aínda se atopei o que buscaba polo que preciso outro tanto tempo para procesar todo o vivido.
-A India centrou boa parte da aventura, por algo en especial?
-A India é un país xeográficamente enorme e apaixoante, e ao mesmo tempo complexo. O impacto foi importante, cada estado é como se fose un novo país. A primeira pisada foi en Jaipur, alí todo se magnifica: case 50 graos reais de calor, humidade, cores... todo parece máis intenso. Unha poboación chea de felicidade aínda que poida ter escasez de recursos. Pouco materialistas, adican máis enerxía pensando a onde queren chegar que a laiarse por onde están. India é pura enerxía, intensa, simple e cautivadora.
-Como foi a experiencia?
-Convencinme que todo é moito máis sinxelo do que nun principio parece e decateime de que os meus problemas son só unha parte pequeniña dos problemas que hai no mundo e que non merecen que os meus días se arruinen por eles. Viaxar deume tempo a reconsiderar as miñas prioridades e ofreceume unha percepción diferente da realidade. Sentín máis necesidade de regalar e recibir máis abrazos, ao converterse en ánimos cando os tropezos dificultaban o camiño e as ganas de rendirme eran superiores á motivación para continuar. Tiven a fortuna de visitar o Taj Mahal na India, meter os pés no Ganges, subir a Roca de León en Sri Lanka; nadar en Cox’s, a praia máis longa do mundo en Bangladesh ou chegar ao campo base de Annapurna (Himalaya) en Nepal... Viaxar como mochileira permíteche frecuentar moitos sitios locais... Aprendín a comer o arroz coa man dereita e sen usar o dedo índice e beber sen tocar o bico da botella cos beizos... Durmín baixo as estrelas, no chan, no deserto do Thar; en casa flotantes, vin miles de campos de arroz, plantacións de té, nadei con búfalas, conducín na carretera máis alta do mundo en Leh (Ladakh), saltei en Filipinas dunha cascada de 15 metros, e quedei marabillada cos templos de Rajasthan...
-O mellor e o peor?
-Viaxar desatou a miña creatividade e puxo o meu inxenio a proba. Descubrín que son máis forte do que pensaba, e maís débil ao mesmo tempo. Aprendín que non debemos xulgar a ninguén xa que cada un está loitando contra as súas propias batallas. Despois desta experiencia considérome aínda máis humilde, o meu ego esvaeceuse en gran medida; todo co que me identificaba xa non estaba, deixando atrás todo o que cría que me daba estatus.
Aprendizaxe. Instruiuse en medicina ayurvédica, ioga terapéutico e para embarazadas, e aprendeu a tocar as cuncas tibetanas.
Gasto cotiá. A financiación da viaxe foi dos aforros do tempo traballado en Irlanda, tentando abaratar custos e durmindo en liteiras. Pódese mochilear en Asia con 9 euros ao día.
«Na India sentinme incómoda pero Nepal encandilou os meus ollos e o meu corazón»
Toda viaxe representa unha suma de desafíos e dificultades; e nesta non faltaron, conta Yolanda.
-Entrar en contacto coas costumes exóticas, idiomas descoñecidos... lidiar co sistema ferroviario na India, buscar recursos... dificultades sempre atopas. As miradas masculinas chegaron a incomodarme e facer que non quixese contacto visual con varóns. A India foi o país onde me sentín máis incómoda. A Bangladesh rara vez van extranxeiros e cheguei a sentirme como se fose o espectáculo dun zoo pero Nepal encandilou os meus ollos e o meu corazón.
-Cal é o rol da muller na India?
-Viaxei por países onde a muller ten un rol moi definido. Países non que se tiña que cubrir, casamentos de nenas de doce anos en matrimonios arranxados polas familias, abortos que se seguen dando se é unha nena... Escoitei, vin e vivín tantas situacións que tiven que dar a volta ou mirar ao ceo para non romper en mareas de bágoas pola impotencia. Ninguén escolle onde nacer e polo tanto non é responsable dos privilexios que lle permite gozar dunha vida máis ou menos confortable.
-Sentiu medo?
-Seguirei viaxando soa! O medo xenérase de balde todos os días e viaxar non sempre é máis perigoso que estar na casa.
-Mochileira, por que?
-Pola liberdade que dá viaxar coa mochila á hora de desprazarse, viaxar lixeira e levar o menos posible.
-Pensa nunha nova viaxe?
-Agora mesmo non pero a lista de países a visitar é cada vez máis longa: Finlandia, Turquía, Sudamérica... Viaxar mostroume que non teño un sitio. O meu sitio é calquera onde me sinta a gusto: Galicia, Irlanda, Asia, Tanzania... Teño que recoñecer que esta foi unha entrevista de sensacións e de emocións.