«Dóeme cando escoito que coidan as vacas os que non serven para máis»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

miguel souto

Encomia a profesión a pesar de dedicarlle os 365 días do ano, e con pouco descanso

02 nov 2019 . Actualizado a las 13:49 h.

Mentras uns gozan da ponte de Santos para Eva González Brea (Anzo, Lalín) estas son xornadas normais de tarefas cotiás; «os animais non entenden de festivos», apunta cun sorriso esta gandeira de fonda vocación. Diplomada en Relacións Laborais, técnico especialista en Recursos Humanos e en Riscos Laborais a súa volta á explotación familiar despois de estudar en Compostela sorpendeu a máis dun. Ela tíñao e teno moi claro: o sector primario é o seu e non pensa en mudar de profesión; «ou moito se torcen as cousas, ou non».

-Remata a carreira no 2001, deixa Santiago, volve para Anzo e faise gandeira. Cal é o motivo?

-Teño que dicir que a miña crianza sempre estivo relacionada coa gandeiría. Son dunha familia humilde pero traballadora, na que nosos pais sempre nos deixaron escoller o noso camiño. Nunca nos privaron de estudar pero certo que tamén nos inculcaron dende novos que o traballo no agro é tan digno coma calquera outro. Eu por circunstancias familiares, despois de rematar a carreira viñen para a casa, uninme ao meu irmán que é gandeiro e levaba a granxa familiar, e aquí estou. Foi unha escolleita libre a que fixen, e non me arrepinto en absoluto.

-A realidade vivencial no agro no 2001 sería outra?

-Era. Nós fomos medrando ao longo destes anos. Eu tardei catro anos en asegurarme... Eran outros tempos, había máis dificultades, trabas administrativas... Foron anos en que tivemos que apostar por invertir moito na granxa en mecanización. A aposta dende logo que foi dura e costosa e na actualidade contodo o que esixen non queda outra máis que formarse. Que ninguén pense que é a gandeiría de fai dez ou vinte anos, isto é un traballo tanto físico coma intelectual.

-Por que os mozos non apostan por quedarse no rural e manterse ao frente das granxas?

-Boa pregunta. Persoalmente penso que se debe a que moitas familias non apoian aos fillos para que o fagan. Xa sabes aquelo de que se quedaban para coidar as vacas os que non servían para outra cousa; e non é así. A verdade é que me doe moito cando escoito aínda isto na boca dalgunha xente. Nas casas non se valora suficientemente o traballo no agro. Nin nós mesmos o facemos e o ser agricultor ou gandeiro é unha profesión coma calquera outra. Ser gandeira supón formarse continuamente. As esixencias neste noso sector son máximas; unha persoa soa xa ten que levar todo o papeleo da granxa, hai que ter nocións de contabilidade, sanidade, benestar animal... É moi complexo e hai que vivilo ao día para entendelo.

-Recentemente se puxo de manifesto que no sector da agricultura e da gandeiría hai escasez de traballadores cualificados.

-E é certo. Hai serias dificultades para atopar xente cualificada que saiba e queira traballar no sector primario.

-Os soldos baixos é outro dos inconvintes á hora de atopar empregados.

-É a pescadilla que se morde a cola. Se a nós non nos retribúen axeitadamente tampouco podemos pagarlle un soldo digno aos empregados. Entendo que hai que facer unha aposta firme por este sector no que hai futuro, pero que precisa de apoios. Na miña parroquia en Anzo, por exemplo, non hai concentración parcelaria e nalgún prado case non das entrado co tractor. Se traballamos os 365 días do ano, que é así, creo que tamén se nos debería de axudar un chisco máis porque o que non cabe dúbida é que a tarefa do día a día non é doada. A pesares de todo estou moi contenta de vivir e de traballar no rural.

«Paga moito a pena vivir no rural e vivir en permanente contacto coa natureza»

Co seu irmán Francisco Javier, «un cerebrito que coñece todas as vacas polo nome, sabe a data de nacemento de cada unha delas e o seu número de crotal», Eva atende 105 cabezas de gando na granxa familiar, coñecida como Gandeiría Cambote, na lembranza dun tataravó chegado de Terras de Camba.

-Do algo máis do cento de animais, uns sesenta son os que se muxen. As vacas témolas en pastoreo, pero de todo o que ten que ver coa maquinaria encárgase meu irmán e eu céntrome nos animais e nos papeis.

-Cal é o papel da muller no sector e no rural?

-É un sector moi masculinizado pola forza física que hai que facer. Eu non ando coa maquinaria como dixen; pero coñezo moitas mulleres que o fan, e tan ben coma un home. No rural as mulleres somos amas de casa, nais, coidadoras, economistas... e por moito que se diga e reitere, con moi pouco recoñecemento. As propias mulleres síntense como inferiores, non lle dan importancia ao que fan.

-Pensa algunha vez en cambiar de traballo?

-Non (rotundo). Se isto se puxera moi duro habería que pensalo pero agora mesmo non é a miña intención. É un traballo duro, rutinario, constante pero paga moito a pena vivir no rural e estar en contacto permanente coa natureza. Non me vexo nunha oficina. Prefiro estar con cen vacas que ao mellor con dez persoas, con todos os meus respetos polos seres humanos.

-Pero nada de vacacións.

-A nosa é unha a granxa familiar como dixen entón cando necesitamos un par de días, ou un pequeno respiro, entre os irmáns e a cuñada imos facendo turnos.

-O seu fillo será gandeiro?

-Non o sei (risas). Polo de agora interésalle máis a maquinaria que as vacas.