Verónica Ledo e Natalia González: «Vimos ofrecendo unha educación diferente no plano ecosocial»
LALÍN
Dan a coñecer ferramentas que permitan desenvolver a vida dun xeito máis ético
28 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.Son. Ambas as dúas do municipio de Lalín.
Formación. En Educación Ambiental e Igualdade de Xénero; Natalia en Diversidade e Relacións Saudables, e Verónica graduada en Bioloxía e mestrada en Restauración de Ecosistemas e formación en Intelixencia Emocional.
Verónica Ledo Laçao e Natalia González Coego forman Educalecrín, un proxecto baseado nos seus valores e ofrecendo aquelas iniciativas nas que «sentíamos que ademais de coñecementos tiñamos experiencia na súa eficacia», e que naceu en outubro do ano pasado.
-Foi cando comezamos a darlle forma, e en plena corentena, aproveitamos para traballar a conciencia nel e telo listo para presentarllo á xente.
-Adentremonos no proxecto, como é exactamente?
-Podemos dicir que o que pretendemos a través de Educalecrín é dar a coñecer ferramentas que nos permitan desenvolver as nosas vidas dun xeito moito máis satisfactorio e ético, ao tempo que permitimos que os demais seres tamén o fagan. Ofrecemos unha educación diferente no plano ecosocial. Para facelo presentamos cursos de formación, obradoiros, actividades de ocio, retiros, charlas, proxectos de restauración... Aínda que podemos separar o plano social do medioambiental, para nós ambos deben ir da man e así o reflexamos nas formacións e actividades. No social formamos en equidade de xénero, relacións saudables, educación emocional e comunicación; e no medioambiental centrámonos no coñecemento e reconexión coa biodiversidade galega, conservación e restauración de ecosistemas, saúde e benestar animal.
-Que iniciativas lideraron ata a momento?
-Levamos a cabo dous proxectos. O primeiro foi a realización duns obradoiros para o Concello de Lalín, dentro do plano medioambiental. Neles coñecemos a biodiversidade presente e aprendemos que podíamos facer no noso día a día para conservalo de xeito eficaz. O segundo tamén foron obradoiros pero de formación online dentro do Proxecto Laborando 2; levado a cabo pola Asociación Aselafem, con formación na construción de relacións saudables e satisfactorias.
-E agora mesmo?
-Pois estamos a desenvolver unha plataforma online para a presentación de cursos de formación a distancia. Tamén estamos a traballar no desenrolo de proxectos de restauración e recuperación de distintos ecosistemas, un deles será presentado ao Concello de Silleda.
-Teñen xa en carteira vindeiras actuacións?
-Gustaríanos comezar a facer formacións de agroecoloxía para a transición ecolóxica, e así axudar e incentivar as agricultoras a cambiar a súa explotación cara unha máis sostible ou que se animen a comezar un novo proxecto. Ditas formacións terán unha parte práctica na que resolveremos in situ todo o que poida xurdir e faremos un acompañamento atendendo ás necesidades e dificultades que se atopen. A longo prazo tamén pensamos crear tamén unha App para aumentar o noso benestar dun xeito real.
-Despois de impartir obradoiros en Lalín, cal é a realidade medioambiental a nivel municipio?
-Lalín é un concello que conserva unha parte do seu bosque autóctono; conta cun monumento natural de gran valor como é o caso das Fragas de Catasós, o que aporta unha gran riqueza paisaxística. Con todo, presenta diversas problemáticas medio ambientais como é o caso dos ríos que vén dada en parte polo exceso de nutrintes debido aos aportes nitroxenados e aos puríns das zonas agrícolas circundantes, ademais do enorme uso de pesticidas. Isto produce un descenso da riqueza de especies xunto coa introdución de especies invasoras. Outra das grandes problemáticas que percibimos é a gran cantidade de lixo que podemos ver nos distintos espazos naturais do municipio.
«Séguense vendo condutas daniñas pola desconexión que sentimos cara a natureza»
Co gallo de mellorar a situación medioambiental no municipio Educalecrín eleva unha serie de propostas.
-Reducir o noso consumo, pensar se verdadeiramente precisamos algo ou non, mercar máis local e ecolóxico, consumir menos carne, evitar o uso de plásticos, usar menos o coche e desprazarnos máis a pe, bicicleta e transporte público e ser responsables e non tirar lixo no chan.
-Hai falta de sensibilidade medioambiental ou ignorancia?
-Pensamos que ambas xogan un papel importante no escenario actual. Ignoramos as consecuencias dos nosos actos e non indagamos máis alá, pero tamén sabemos o que ocorre e pechamos os ollos. Saír da zona de confort non é fácil e doe. Temos medo a sufrir e ao cambio, pero o cambio persoal pode ser progreso e o progreso pode ser benestar.
-Somos conscientes da necesidade de preservar os espazos naturais?
-Non de todo. Séguense vendo condutas daniñas para o medio natural e é debido á desconexión que sentimos cara a natureza, que nos impide empatizar cos demais seres e polo tanto poder respectalos.
-Hai máis sensibilidade na xente máis nova?
-Cada vez vemos unha maior conciencia. Hai colexios e institutos nos que reciben máis formación en temática medioambiental, pero precisamos un cambio máis profundo tanto no modelo de vida actual coma na nosa conciencia.
-E no eido social?
-Consideramos que o desenrolo e benestar persoal é moi importante para aprender a relacionarnos dun xeito máis saudable cos demais seres vivos. Aprender a construír relacións éticas e que satisfagan as nosas necesidades é necesario para poder ser felices; obxectivo de todo ser humano.