Un percorrido pola memoria histórica de Lalín desde o IES Aller

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Rocío Ramos

20 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Da man da profesora e escritora lalinense Alba Payo Froiz, os rapaces de cuarto da ESO do IES Aller Ulloa emprenderon onte unha viaxe pola historia seguindo un itinerario polas rúas da vila. Onte tocoulle aos do grupo B e C e hoxe farán o mesmo os que quedan deste curso. É, apuntaba Payo, unha maneira de achegar aos mozos episodios como a guerra civil e o franquismo. Unha lección de historia que permitiu aos estudantes descubrir os ecos do pasado e as pegadas dunha historia e unha realidade que non só está nos libros senón que tamén se viviu en Lalín.

O itinerario arrancou no CEIP Xesús Golmar para lembrar ao que foi o último alcalde republicano e mestre represariado para pasar logo a rúa alcalde Ferreiro, que leva o nome dun rexidor republicano fusilado. Na igrexa de Lalín os alumnos descubriron que agachaba o oco deixado pola placa de mármore adicada aos «Caídos por Dios y por España» que foi arrancada no 2017.

O Hospitalillo, hoxe IES Laxeiro que foi habilitado como cárcere no Golpe de Estado e na Guerra Civil; a rúa Vidal Abascal que leva o nome do presidente do PG de Lalín entre 1935-36, a Casa da República na Bós Aires, O Museo Ramón Aller, as antigas rúas General Franco (Principal), José Antonio (Monte Faro) ou a Praza de Calvo Sotelo (Praza da Torre) foron algunhas das paradas do percorrido xunto co Pontillón onde estaba o cuartelillo da Brigadilla da Garda Civil, as Casas Baratas o Monumento a Loriga que acollía unha alegoría da República ou a antiga Casa do Concello. Alba Payo destaca que ós alumnos a ditadura lles queda moi lonxe no tempo. Onte grazas a un traballo moi documentado e minucioso realizado por Payo puderon facer un percorrido pola memoria histórica.