O Concello de Lalín aposta por un ocio alternativo e saudable entre a mocidade

ANDREA OTERO / R. R. LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Cedida

O programa denominado «Desenrétate! off line» inclúe actividades de aventura e un scape room e está pensado para realizar con grupos de amigos ou familia

11 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O Concello de Lalín pon en marcha este verán un programa denominado Desenrétate!-off line co lema Reconecta co real, que consiste nun scape room en exteriores por todo Lalín e actividades de aventura para promover o ocio saudable entre a mocidade e as familias. As actividades que se poderán realizar son tiro con arco, rápel (nivel de iniciación e medio), tirolina e caiac.

A participación nestas actividades será aberta e gratuíta para as persoas empadroadas en Lalín mediante unha previa solicitude dos bonos de xogo e a cobertura dos formularios de solicitude on line. Estas actividades darán comezo o 23 de xullo e desenvolveranse ao longo do mes de agosto.

A concelleira de Sanidade, Eva Montoto, sinala que van poñer en marcha este novo programa «a fin de promover un ocio alternativo e saudable entre a mocidade, e continuando coa proposta iniciada o ano pasado coa iniciativa de autocine e cine de verán, que tivo moi boa acollida».

Eva Montoto sinala que «segundo os datos obtidos pola Concellería de Sanidade dende o servizo de Prevención de Adiccións do Concello de Lalín, viuse que o 20% dos mozos e mozas entre os 14 e os 18 anos fan un uso compulsivo de internet; o 82%, dos videoxogos; e o 10%, xogan a apostas on line malia a ser esta unha actividade non permitida en menores». Tendo en conta estes datos, deciden dende o Concello «fomentar a prevención fronte ao abuso e adicción ás novas tecnoloxías» ademais de «fomentar un tempo de lecer san para familias e adolescentes» remarca Montoto.

Enquisa

Nunha enquisa realizada ás familias por este servizo, tamén observaron unha alta preocupación por parte do 78% dos proxenitores sobre o uso excesivo que os seus fillos fan das tecnoloxías. Nela os pais demandan actividades alternativas de ocio para a mocidade. Outro factor preocupante segundo a concelleira é o consumo de substancias entre a mocidade. «Dado que a adolescencia é unha etapa crítica cun maior risco no inicio do consumo de substancias é preciso xerar factores de protección». Afirma Montoto que con estas actividades tamén pretenden «ofrecer espazos de comunicación familiar como factor de protección».

Un scape room son xogos de aventura nos que os participantes teñen que resolver enigmas a través dunha serie de pistas. «Segredo de Lalín», o scape room no exterior, é un xogo en grupo de 4 persoas que ofrece unha viaxe por toda a vila co obxectivo de descubrir o segredo que agochan determinados persoeiros lalinenses. É unha secuencia de probas de enxeño onde a comunicación é fundamental. Está deseñado para grupos de amigos ou familias e é apto para todas as idades. Todas as persoas que desexen inscribirse poderán facelo a través dun enlace que atoparán na páxina web do Concello de Lalín. A continuación, os inscritos recibirán un correo electrónico cos pasos que deberán seguir.

Dinámica

Poderase descubrir o segredo a través das pistas dunha aplicación móbil que axudarán a resolver o misterio. O móbil serve para chegar aos enigmas dispersos por todo o casco urbano lalinense. Os máis aventureiros poderán completar outras dúas fases en localizacións da contorna.

Para comezar terán que ir a un punto onde poderán coller unha mochila con varios obxectos que precisarán para resolver as probas. Esta mochila está pechada con encadeados que se poderán abrir a medida que se resolvan as probas.

O xogo consta de tres partes: unha proba urbana, outra de natureza e unha última de verificación. Os equipos de participen poderán ver o seu resultado nun rango de puntuacións.

Durante os meses de xullo e agosto haberá tamén xornadas de aventura gratuítas: tirolina, rápel, tiro con arco e caiac. A tirolina situarase o 31 de xullo no Pozo do Boi; o rápel de iniciación e o tiro con arco, na Pasarela Peonil Pontiñas o 14 de agosto; o rápel de nivel medio, na Ponte Vilariño o 7 de agosto; e o caiac, na área recreativa do marquesado do encoro o 21 de agosto.

A solicitude ás actividades farase a través de diferentes enlaces xa que existe un número limitado de bonos. O de O Segredo de Lalín é: https://forms.gle/Bf7hdjRjtMWXuND5A. Para a tirolina o enlace é: https://forms.gle/VGp12gs4YvotmDP9. Para o de iniciación o rápel sería: https://forms.gle/AT3ot3wCBY6tCr8Y8 e para o ráppel de nivel medio: https://forms.gle/799uXvCMf2x1RE1Q6

Por último para o tiro con arco se pode seguir o enlace: https://forms.gle/HYbqwtt5q11LsunA7 e para o caiac sería o enlace: https://forms.gle/zrTVRRZ4WsUcgCkW7.