Lalín exalta a tradición rural que non se deixou derribar polas pestes, enfermidades ou guerras
LALÍN
Doade acolleu onte a tradicional sega, que xunto coa malla e a limpeza dos grans conforma a seitura dos cereais. O Museo Casa do Patrón de Doade é o encargado desta celebración que conta coa colaboración dos voluntarios do campo de traballo Tradición en Verde, de Eduvía. O vindeiro 21 de agosto acollerán a celebración da malla, na que recrearán historicamente todas as modalidades que houbo na malla. Dende a pedra e a malladeira manual ata a colleitadora moderna.
A Casa do Patrón leva 22 anos celebrando a malla tradicional de Lalín. Manuel Blanco, presidente do Museo, afirma que é «unha das mallas máis concurridas de Galicia, tanto en número de participantes como en presenza de público». Debido á situación sanitaria, este é o segundo ano consecutivo no que non contan con público, pero ofreceron unha alternativa a través dunha retransmisión en streaming na súa canle de YouTube. Os espectadores puideron observar o atado manual e tradicional da zona, o carrexo dos mollos e a elaboración da meda.
«Con gran sacrificio, con todas as restriccións e cumprindo a normativa ímola celebrar porque sentimos a obriga de honrar ás persoas que realizaron este traballo durante séculos», conta Manuel Blanco. Unha tradición que non desapareceu a pesar de que «aquí houbo pestes, enfermidades e guerras porque era necesaria para comer e para o sustento das casas dos galegos», conta Manuel. O clima tamén foi de gran axuda. Narra Manuel Blanco que «para segar, mallar ou mazar o liño hai que facelo a mediodía con pleno sol» e que «se hai trinta graos, mellor que vinte».
Esta é unha das actividades máis importantes que realiza a Casa do Patrón. Recentemente solicitaron que se considere a malla Festa de Interese Turístico, «pero debido ás circunstancias de momento non se reuniu o Consello de Turismo», relata Manuel Blanco.