As mellores estampas de Lalín

andrea otero / r. g. LALÍN / LA VOZ

LALÍN

cedida

O Concello falla o concurso de fotografía para promocionar os atractivos turísticos locais

20 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Quen pode dicir que vai de turismo «a cegas»? Hoxe en día temos acceso a imaxes de practicamente tódolos lugares do mundo polo que antes de visitar un sitio xa o coñecemos visualmente. Iso si, a presencialidade é un factor que enriquece unha viaxe. As imaxes tamén son elementos de impacto nas persoas. Se nos gusta un destino por fotografías, intentamos ir. O Concello de Lalín é consciente da importancia que teñen as imaxes para o impulso do turismo por iso, o pasado mes, convocou un concurso de fotografía para premiar as mellores que amosaran os atractivos turísticos de Lalín. Unha das características que se requería era que amosaran a realidade sen alteracións nin filtros, e así fixeron os gañadores do concurso.

O xurado estivo formado pola Concelleira de Cultura e Turismo, Begoña Blanco; a Auxiliar de Turismo, Nuria Álvarez; e a Directora de Arte de Hydra, Yolanda Villar. O primeiro premio foi para Alejandro Piñeiro Rodríguez coa súa obra A pedra, a luz, o tempo. O segundo está dirixido á obra As cores do Outono, de Paula Martínez. O terceiro premio correspóndelle a Lourdes Arias pola súa fotografía Lalín na túa man. Tamén se determinou unha mención especial para o autor Jose Manuel Novoa Blanco coa súa obra Neve sobre o lago. As imaxes gañadoras poderán ser empregadas para campañas turísticas e os seus creadores recibirán tres premios de 500, 300 e 150 euros para gastar no comercio local.

A pedra, a luz, o tempo

Lalín na túa man

As cores do Outono