O Foro para Cultivos Culturais de Lalín entregou o Loureiro de Ouro desde ano a Mario Pereira
LALÍN
O acto de imposición tivo lugar onte na terraza do Café Camilo
12 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.O Foro para Cultivos Culturais de Lalín levou a cabo onte a entrega do seu premio Loureiro de Ouro a Mario Pereira Fernández, mestre e bibliófolo. Pereira súmase así ao elenco de galardoados na que constitúe a edición número 11. O acto de entrega tivo como escenario o Café Camilo, no corazón da vila. Mario Pereira explicaba onte que «estos contento co reconocemento» sobre todo polo que conleva «de xesto de amizade dos que entregan» bromeaba que xa son dous Pereira con Loureiro lembrando que «xa me precedeu a Pereira das Casas Baratas».
A «imposición solemne» tivo lugar na rúa coas obras como fondo nun bar que tamén recibiu o seu premio no seu día. A entrega foi de mans de Celso Fernández Sanmartín, Benxamín Otero Otero e Raquel Vázquez Vaamonde.
A decisión tomouse o pasado día 2, día de San Agrícola e San Prospero. Lembran dende o colectivo que «laurear é coroar de loureiro/ nós non coroamos a ninguén/ sentímonos satisfeitos con le poñer/ unha folla de loureiro na solapa». O premio, que pode estar dirixido a persoas individuais ou colectivos, ten como obxectivo recoñecer a traxectoria persoal, profesional, cultural e veciñal de persoas ou colectivos que son exemplo de concordia e progreso social.
Neste caso o colectivo atopa como motivo de recoñecemento para Mario Pereira que é «un incansable mestre, ilusionado normalizador dos usos sociais da nosa lingua, bibliófilo contaxioso, impulsor acérrimo e mantedor constante de bibliotecas, difusor da literatura galega como ben universal, mellorador da convivencia e a memoria da nosa vila a través de tertulias e publicacións, mellorador da veciñanza, escritor íntimo sen bombo nen platillo, logrador de poetas, novelistas e artistas plásticas, labrador novo e convencido, promotor cultural, veciño querido e amigable». Uns méritos os que suman, entre outros, os de ser «lector social, abridor de camiños, pensador en conversa, exemplo de compromiso, de vocación, de traballo ilusionado e incansable».