Laxeiro e o Naranxo

LALÍN

Laxeiro, retratado no seu estudio de Bos Aires en 1968.
Laxeiro, retratado no seu estudio de Bos Aires en 1968.

06 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Ten razón a escritora Inma Vilariño cando, no seu libro titulado O Naranxo no Trasmundo, afirma que «en Galicia temos unha tradición literaria na que conflúe o prodixioso, o fantástico, o imaxinario, co exercicio da memoria», é dicir, coa lembranza que se ten do vivido e, sobre todo, coa memoria evolucionada dos maiores, isto é, coa tradición. Unha vía pola que, dun xeito moi propio de Álvaro Cunqueiro, as cousas son e non son, para ao cabo converterse dun xeito natural nunha literatura de misterio.

Por esta vía avanzan os personaxes de O Naranxo no Trasmundo, a obra de Vilariño que nos leva polo alto da Terra de Breogán para logo acollernos no seo dunhas historias do seu Lalín, desvelado coma un mundo de xenios que, para colmo, sono de verdade, coas figuras do astrónomo e matemático Ramón María Aller, o aviador Loriga e moitos outros, máis o cine, as bandas de música, o santuario do Corpiño...

Nese mundo, O Naranxo viría ser o máis tolo de todos, ou só era o máis fantasioso e creativo? Porque o gran pintor Laxeiro e o seu soterrado e máxico Marquesado da Romea non quedaban moi lonxe en termos de imaxinación hiperactiva. De feito, poderíase dicir que O Naranxo é tan importante para entender a Laxeiro como Laxeiro para entender ó Naranxo. Pero, claro, o imaxinativo Laxeiro non estaba tolo.

Quen é O Naranxo nesta historia? Poderíase discutir, pero eu coido que é quen mellor nos guía por uns espazos de seres acosados e abatidos polas adversidades duns tempos endiañados e mesmo bélicos. E Vilariño atina ao describir ese mundo coas súas múltiples caras, e onde O Naranxo non é o único protagonista. Quizais porque conta con coprotagonistas, que son todos os demais, é dicir, os que non se refuxian na tolemia. Por iso o resultado final do relato é unha novela crible, coral, que nos leva da man dunha realidade habilmente desvelada e plenamente visible. Este é, ao meu ver, o gran mérito da obra de Inma Vilariño. En suma, a reconstrución dun mundo real mediante a creación literaria. Un mundo que non parece ser real, pero que o é. Un relato revelador.