Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Antía Crespo: «Descubrimos que un antidepresivo serve para tratar a artrose e a gota»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Cedida

O fármaco, con indicacións médicas aprobadas, acurtará tempos para os enfermos

06 nov 2021 . Actualizado a las 15:35 h.

Da súa nenez lembra ser moi curiosa, pero tamén moi afortunada; xa que na súa casa souberon darlle saída a esas inquedanzas que acubillaba. Antía Crespo Golmar (Lalín, 1990) comezou este ano a súa formación investigadora a través dun Contrato Río Hortega, financiado polo Instituto Carlos III, no Grupo de Patoloxía Musculoesquelética vinculado ao Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) que descubriu que o antidepresivo amitriptilina é eficaz en casos de gota e artrose. Resultados que foron publicados no prestixioso British Journal of Pharmacology.

—Como recalas no Instituto de Investigación Sanitaria?

—Cheguei en xaneiro, cando comecei co Contrato Río Hortega. É unha beca outorgada en concorrencia competitiva financiada polo Instituto Carlos III, e está encamiñada á formación de médicos en investigación básica integrados en equipos que respondan de xeito máis completo ás necesidades dos pacientes. Agradezo ao Dr. e profesor Antonio Mera que me puxera en contacto co Dr. Rodolfo Gómez Bahamonde, así coma ao resto do equipo, que desde o primeiro momento me acolleron nesta nova etapa.

—Quenes forman parte do grupo?

—Somos un grupo multidisciplinar, formado maioritariamente por farmacéuticos e biólogos moleculares, contando tamén coa presenza de profesionais de fisioterapia, rehabilitación, traumatoloxía e reumatoloxía, e por suposto técnicos de laboratorio. Temos representantes de cada unha das ciencias que estudan e tratan o aparato locomotor, o que aporta unha visión integrada dos problemas. A miña misión máis específica é a de transmitir as necesidades do paciente e do médico na práctica clínica diaria, colaborar na recolección e procesamento de mostras biolóxicas e aportar a perspectiva médica na achega de conclusións.

—Investigaron sobre a artrose e a gota.

—Si. A artrose é a enfermidade reumatolóxica máis frecuente. Afecta a 14 millóns de españois, segundo datos do estudo Episer 2016, case un 30 % da poboación. É unha enfermidade inflamatoria crónica que se caracteriza especialmente por unha degradación da cartilaxe articular, e a artrite gotosa ten unha importante presenza en varóns novos e mulleres pos menopáusicas, que cursa con episodios bruscos de tumefacción articular desencadeados pola formación e depósito de cristais de ácido úrico nas mesmas. Descubrimos que o antidepresivo amitriptilina trata a artrose e a gota, bloquea a sinalización a través do receptor TLR4, que participa neste proceso e que habitualmente non se modula cos tratamentos antiinflamatorios e analxésicos convencionais.

—Como o conclúen?

—Son resultados froito de 5 anos de estudo. En 2016 Eloi Franco Trepat e Ana Alonso Pérez, baixo a dirección do Dr. Rodolfo Gómez, iniciaron esta nova liña de investigación ante a ausencia dun arsenal terapéutico eficaz e amplo. Grazas ao soporte financeiro do Sergas a través do Instituto Carlos III, da Sociedade Española de Reumatoloxía e da Mutua Madrileña, púidose demostrar o efecto inhibitorio da amitriptilina nos distintos tecidos articulares (cartilaxe, óso e sinovia).

—Poderá empregarse de inmediato o fármaco?

—Ao tratarse dun fármaco reposicionado; é dicir, que xa conta con indicacións médicas aprobadas para outras enfermidades, xa o temos dispoñible na práctica clínica diaria. Isto permite aforrar tempos (anos, incluso décadas) e millóns de euros de presuposto, xa que coñecemos as súas propiedades e seguridade pero polo de agora non conta coa aprobación da indicación para o tratamento da artrose ou da gota.

«O coronavirus concienciou máis sobre a necesidade de apoiar a investigación»

O grupo de investigación conta con datos en laboratorio da inhibición da resposta inflamatoria en células de cartilaxe de pacientes, fundamentalmente no contexto da artrose, comenta Antía.

—Logo a través da análise de Big Data da nosa área sanitaria amosouse que o consumo de amitriptilina se asociaba positivamente cunha redución de máis do 30 % do número de enfermos con episodios de artrite gotosa.

—Mellorará a calidade de vida dos enfermos?

—É o primeiro paso para aumentar o noso arsenal terapéutico cun tratamento cun perfil de eficacia e seguridade distinto aos convencionais nestas enfermidades con poucas alternativas farmacolóxicas. Permitirá reducir a inflamación, a dor, e nalgúns casos os efectos secundarios vinculados ao uso doutros fármacos máis tóxicos, coma a colchicina.

—O coronavirus deulle máis visibilidade aos investigadores?

—Fíxose máis consciente a necesidade de dedicar máis fondos á investigación. O desenvolvemento das vacinas da Covid-19 en tempo récord é un claro exemplo de como a investigación básica pode repercutir no benestar social.

—É doado investigar aquí?

—A miña perspectiva é parcial ao ser a miña base de formación médica, pero en calquera caso os soldos e a estabilidade laboral non reflicten a dedicación e o esforzo empregados polo persoal.

—Cal é a seguinte investigación?

—Temos abertas varias liñas ademais da de novas abordaxes terapéuticas para enfermidades reumáticas (estudo de factores de risco ambientais e metabólicos...), somos un dos nodos galegos relevantes en impresión 3 D coa plataforma BBi3D. De feito durante o confinamento, e de xeito altruísta, os meus compañeiros colaboraron coa fabricación de pantallas cando escaseaban os equipos de protección individual.

É. Licenciada en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago e formouse como Especialista en Ciencias da Saúde de Reumatoloxía no Hospital Universitario de León.

Está. Vinculada ao Servizo de Reumatoloxía do Clínico de Santiago, e actualmente investiga no IDIS.