Historia de dúas cidades

Rafael Cuíña

LALÍN

24 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Lía con atención o pasado domingo un artigo de José Crespo titulado «Politicamente falando» no que me citaba, e facía unha reflexión sobre modelos de goberno para Lalín «que están nas antípodas» según as súas palabras, recalcando que pola contra a nosa relación persoal agora era boa.

Dixo ben o actual alcalde... a relación é boa, mais hai cuestións estruturais de futuro que seguramente non compartimos, porque aínda que ambos vimos politicamente dun tronco común chamado Xosé Cuiña, somos de xeracións diferentes. Si é certo que considero que o bo entendemento persoal facilita as posibilidades de acordos entre os dous principais partidos políticos de Lalín, como son PP e Compromiso. Así foi durante a pandemia coas medidas económicas que acordamos, ou na negociación para pactar a Axenda Urbana que facilita ao noso Concello a obtención de fondos europeos. Considero que non todo vale para facer oposición, e que o que reclama o pobo é que os seus representantes estean á altura das circunstancias nas cuestións importantes.

Crespo fala tamén de lealdades, e aí eu teño dúas liñas vermellas que non estou disposto a traspasar. Unha é que por riba dos intereses electorais e partidistas están primeiro os dos veciños e veciñas de Lalín, e outro honrar o legado político que deixou para a historia deste pobo Xosé Cuiña. Para min son principios irrenunciables, e as miñas lealdades máis férreas. Iso si, Crespo fala de «proxectos nas antípodas» como se do Historia de dúas cidades de Charles Dickens estivésemos a falar, e iso non se corresponde necesariamente coa realidade. O meu modesto proxecto político para Lalín baséase na cercanía e respecto aos recursos públicos que achegan os lalinenses cos seus impostos. Un modelo no que non poden existir veciños de primeira e segunda, en función da súa filiación política, e no que nos postos de traballo de brigadas de obras e outras instancias, non aparezan os mesmos rostros que nas noites electorais nas sedes dos partidos, despois de pasar o día carrexando electoralmente vontades de veciños.

Sexa Crespo ou eu o alcalde a partir de maio, en Lalín ten que existir un ambiente politicamente respirable e de necesaria colaboración, e tamén reivindicativo cando dende outras institucións non se cumpra con Lalín. A submisión aos ditados de prebostes en despachos enmoquetados que non coñecen a realidade do noso Concello, é unha rémora para o futuro dos nosos fillos e fillas, e algúns modestamente viñemos á política, exactamente para o contrario. Ou non?