O Grupo Micolóxico Galego Luís Freire constata a escaseza de cogumelos en Lalín

A. MÍNguez LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Alejandro Mínguez

24 abr 2023 . Actualizado a las 21:43 h.

O Grupo Micolóxico Galego Luís Freire constatou na saída desenvolvida en Lalín na pasada fin de

semana a escasa presenza de cogomelos nesta primavera. As poucas chuvias rexistradas son a causa principal desta circunstancia, que podería mudar se se repiten as precipitacións e a temperatura é suave nas vindeiras xornadas ou empeorar se non chove.

No percorrido que levaron a cabo pola fraga de Catasós só apareceron exemplares da madeira, de varios xéneros como Trametes ou Daedalea en distintas especies arbóreas e moi escasos macromicetos, como un Pluteus cervinus, ou curiosidades do xénero Helvella. Algúns lamentaron o mal estado de parte da sinalización e a escasa limpeza do lugar, de grande interese natural. En O Rodo recolleron unha Amanita e o mal tempo impediu a tradicional comida campestre neste lugar, que tiveron que desenvolver no albergue, grazas ao Concello de Lalín.

Participaron 25 micólogos das catro provincias galegas e do norte de Portugal, entre os que se atopaban veteranos, como Marisa Castro, Cristina García, Floro Andrés e Antonio Prunell e máis novos, como Puri Lorenzo, Mauro Rivas e Adrián Melón, que pecharon a xornada cunha visita ao «interesante centro sobre a cultura castrexa» Castro Deza, onde a presenza de cogomelos fai unicamente referencia á festa de Soutelo, malia que recibiron algunha información curiosa, como o emprego de cogomelos para tinguir roupa por parte dalgún veciño da zona tempo atrás.