Alba Rozas: «Para escribir hai que ler moito e enfrontarse á estupidez propia»

David Cofán Mazás
David Cofán LALÍN / LA VOZ

LALÍN

cedida

A lalinense é una das principais escritoras de novela fantástica en galego

20 ago 2023 . Actualizado a las 19:29 h.

Se cadra, cando de nena lle preguntaban a Alba Rozas (Lalín, 1988) qué quería ser de maior a súa resposta non era filóloga nin escritora. Porén, co paso do tempo esta rapaza que silababa na escola foi sementando unha paixón que a día de hoxe a coloca como unha das referentes do xénero fantástico en Galicia. Como quen dí, a súa carreira está empezando, especialmente como novelista, pero xa conta cunha interesante bagaxe. Dende fai un ano embarcouse nunha difícil misión, atopando un Baleiro perfecto no eido da fantasía e da ciencia ficción en galego para crear coa axuda de dous compañeiros a editorial Boadicea.

«É máis agoniante do que parece, pero ía avisada», comenta entre risas. «Nós facemos tradución e creación. As obras de fantasía son especialmente caras porque son moi extensas o que da moitos problemas para obter os dereitos», explica. Boadicea nace en novembro do 2022 co apoio de Manuel Dopazo e Marcos López, pero este proxecto sen ánimo de lucro ten o seu xerme nun pódcast. «No 2021 propuxéronme facer un pódcast sobre fantasía e ciencia ficción que se chama Baleiro Perfecto e que ten 400 escoitas de media. Os ouvintes queixábanse de que non houbera oferta de libros destes xéneros en galego e como xa colaborara con dúas editoriais e este mundo sempre me chamou atención, decidín facelo», recorda.

Debut na novela

Loxicamente, en Boadicea publicaranse as súas obras. De momento conta cunha novela, pero a finais deste ano sairá a segunda. A súa primeira creación novelística é A caída de Guiomar, publicada a finais do 2020. A diferenza do que un puidera pensar, a pandemia non foi un momento ideal para producir libros. «A novela escribiuse antes e despois do confinamento. Necesito certa calma para escribir e nese momento de tanto caos e desgraza necesitaba paz mental», apunta.

O paso previo á novela foron os relatos. No 2017 saíu á luz a súa primeira creación literaria con A dama do corazón negro. Como vemos, o xénero da fantasía acompaña a Alba nos seus escritos. A súa predilección por este mundo ten que ver non por un gusto pola evasión, senón pola parte crítica que poden enmascarar os relatos fantásticos. «Sempre me gustou porque considero que non ten que ser sempre unha simple evasión, penso que poden achegar unha visión crítica da realidade en momentos nos que non se pode falar deliberadamente do que está pasando», explica.

Sen embargo, non foi o único xénero que traballou. «Escribín un par de relatos nas Xornadas Romasanta en Allariz, son Costureiriña cosida e Tomasa Bárbara, historias de mulleres que sobreviviron aos ataques de Romasanta, curiosamente penso que foi do mellor que escribín», afirma entre risas. Tamén creou libros infantís, aínda que esta vez si en chave de fantasía con contidos didácticos para aprender sobre os bivalvos, os paxaros e as cores.

Escribir dende a lectura

O gusto por ler e escribir chegoulle a Alba por casualidade. «Eu tiven moitas dificultades para aprender a ler ben. En Primaria empecei silabando e a profesora avisou á miña nai de que tiña ese problema. Entón lembro que tiña un libro infantil na casa e practicabamos con el. Dende aquela instaurouse o hábito da lectura», lembra. O de escribir foi da man. «A lectura e a escritura foron unidos no meu caso porque facíamos moita caligrafía e chega ese momento no que en vez diso prefires escribir outras cousas. Nos veráns recordo escribir sobre os sitios aos que iamos de vacacións», explica Alba, quen non tivo ansia de publicar ata moito tempo despois.

Pero dar o paso para escribir non foi doado. Asegura que non coñece ningunha fórmula máxica para aprender a escribir historias, aínda que ten algúns consellos para quen quere iniciar un duro pero fascinante camiño. «O que hai que facer é ler moito. Eu son moi descreída dos cursos e obradoiros de creatividade, realmente existe unha fórmula?, quén a ten?», pregúntase.

Reler aos clásicos

A escritora aconsella coñecer en profundidade o canon clásico, que pese aos seus defectos, considérao fundamental. «Hai que ler obras literarias e os clásicos, sempre. Creo que hai que coñecer algunhas obras canónica, e ler moito en xeral», engade.

Por outro lado, coida que existen barreiras moito máis importantes que se deben superar. «Para escribir hai que poñerse, que non é tan fácil, enfrontarse á páxina en branco é á estupidez propia, que é a parte máis difícil», asegura Alba.