Ex alumnos do Laboral de Lalín na Gouxa

daniel González Alén LALÍN

LALÍN

DGA

27 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A feira do Gouxa foi novamente o escenario que escolleron para celebrar unha das súas xuntanzas anuais, os ex-alumnos do Instituto Laboral Ramón María Aller de Lalín, que deixaron o centro no ano 1968, logo de rematar os cinco anos do bacharelato elemental e a correspondente revalida. Nesta ocasión xuntáronse preto dunha vintena con tempo para saudar e abrazar aos compañeiros que tamén son amigos, os mais deles comarca e algúns vidos de lonxe, lembrar aqueles anos mozos cando compartían estudos e diversión, e tamén para xantar as viandas propias desta tradicional feira que, dende hai uns anos, é mais gastronómica ca mercantil.

Facía catro anos que non celebraban esta cita anual, por mor da pandemia. O mesmo acontecera na outra cita anual que veñen celebrando en Lalín, dende hai mais de trinta anos, estes antigos alumnos do Laboral, nas que a maiores dun xantar de confraternidade, adoitan realizar outras actividades coma algunha visita aos museos e monumentos da comarca dezá ou mesmo homenaxear a algún dos compañeiros cando hai motivo para elo.

Nesta ocasión xuntáronse 19 dos 22 ex alumnos da promoción que obtiveran a graduación hai 55 anos, aproveitando para dar unha volta polos escasos postos da feira, xantar no pendello do Marenteiro e os de mais aguante, rematar no pendello da Feira Vella, botándolle unha copa e aínda unha segunda a que convidou a súa propietaria, a amiga Elena Fernández de Asperelo. Fora caia a auga a caldeiros, mentres os feirantes recollían os postos, logo dunha xornada de feira, na que como é costume poucos paisanos viñeron mercar, pero moitos a papar.