O BNG lamenta a ausencia en Lalín de actos o día 17 e a desaparición do Serán das Letras

La Voz LALÍN / LA VOZ

LALÍN

15 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O BNG de Lalín lamentou onte a ausencia de actos o vindeiro 17 de maio polo Día das Letras Galegas, nunha homenaxe á escritora, filóloga e violinista Luísa Villalta. A concelleira nacionalista, Ariadna Fernández, incidiu onte en que en Lalín «limitarémonos a ficar na casa un día no que dende o Concello non hai nin unha soa actividade programada». Cualificou este feito de «mágoa para o homenaxeada e todos os galegos que desexamos que dende os concellos non lles viren ás costas ao idioma, como o está a facer a concellería de Cultura».

Ariadna Fernández lembrou que dende o 2017 tiña lugar o Serán das Letras, con actuacións e obradoiros arredor da música, o baile e arte tradicional galega. Unha xornada, afirmou, que tiña grande aceptación e asistencia de veciños. Mostrou por elo a súa sorpresa pola desaparición este ano do Serán das Letras, «para desgusto de todos os participantes e asistentes, que contaban coa celebración e non foron informados sequera da súa supresión». Unha cita onde se entregaba a pandeira de honra. O BNG pedirá explicacións no próximo pleno pola eliminación deste festival, que tiña lugar nun día «de especial carga cultural en todo o país e en Lalín non temos nin unha soa actividade programada».