Fillo Predilecto de Lalín, foi notario nesta vila dende 1983 ata a súa xubilación no 2007
19 jul 2024 . Actualizado a las 22:51 h.O reputado xurista Victorino Gutiérrez Aller, autor do primeiro formulario notarial en galego, faleceu en Lalín aos 87 anos. Sobriño do célebre astrónomo Ramón María Aller, estudou Dereito na Facultade de Santiago. Notario desde o 1969, exerceu en Forcarei, Celanova, Arzúa e, desde o 1983 ata a súa xubilación no 2007, en Lalín.
En xullo do 2016 o Concello de Lalín nomeouno Fillo Predilecto, nunha homenaxe na que a súa figura foi enxalzada pola escritora e sociolingüista Pilar García Negro e polo exfiscal superior de Galicia Carlos Varela. Un acto celebrado na rúa Matemático Rodríguez, diante da estatua de Loriga, ateigada de veciños e no que Gutiérrez Aller recibiu o diploma de mans de Rafael Cuíña, alcalde de Lalín nese momento, que destacou o traballo desde profesional do Dereito «a prol da nosa cultura» e a súa condición de «pioneiro no estudo do Dereito Civil Galego, e o seu comportamento xeneroso como notario con tantas e tantos veciños en dificultades». Pola súa parte, Pilar Negro, que calificou a Victorino de «galego excelso» destacaba o traballo «dun galego nnormalizado que exerce a verdadeira galeguidade nun campo tan vital como é o da xustiza». Carlos Varela García suliñaba a súa laboura como «impulsor da restauración da lingua galega na notaría».
Rafael Cuíña, coordinador de Compromiso por Lalín, expresa o seu orgullo por presidir o goberno que nomeou a Gutiérrez Aller Fillo Predilecto «unha persoa que queda para sempre na historia do noso pobo con letras maiúsculas». Demanda que se poña o nome de Victorino Gutiérrez Aller a unha rúa de Lalín.
En novembro dese mesmo ano Victorino Gutiérrez Aller publicaba «Acta de vítimas» da editorial Laiovento, unha novela que se desenvolve na posguerra, co trasfondo da represión política na vida cotiá da Galicia dos anos corenta.
En Celanova fíxolle o testamento a Celso Emilio Ferreiro a quen tratou daquela, ao igual que a outras figuras senlleiras como Ramón Otero Pedrayo.Victorino Gutiérrez contaba no 2016 nestas páxinas que o seu coa causa galeguista non foi algo repentino. Explicaba que «chegaba a unha casa, falaba coa señora que quería testar ou co agricultor que quería parcelar, falabamos e, á hora de facer aquelo oficial, de formalizalo nun escrito, tanto eles coma min pasabamos ao castelán. Deime conta de que era absurdo e que o normal sería que os documentos se redactasen na lingua que falaba a xente»
Membro da Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística, participou na comisión redactora da Lei do Dereito Civil de Galicia. Distinguiuse polo impulso ao emprego do idioma galego nos ámbitos xurídicos, con aportacións como o Formulario Notarial publicado no 1998 pola Real Academia Galega, que foi un instrumento moi útil para incorporar esta lingua aos documentos e procedementos que se realizaban nas notarías de vilas e cidades. Tamén foi destacable o seu traballo sobre o réxime económico-familiar e sucesorio no Dereito Civil de Galicia.
Nunha entrevista a La Voz de Galicia, «Coco», como era coñecido en Lalín, contaba que «crían que un documento en galego non podía ter a mesma validez legal». Na súa notaría tódolos documentos redactabanse en galego, salvo que o usuario demandase expresamente o uso do castelán nunhos anos nos que o uso da nosa lingua nun eido como o xurídico non era nin doado nin moito menos habitual. O seu apodo lle ven da súa nenez e mocidade que, fai años lembraba, que viviu nun Lalín cheo de vida no que «a rúa era nosa».
Na Universidade de Santiago estudou Dereito «por libre» porque, contaba daquela, a economía familiar non daba para pagarlle a manutención en Compostela polo que ía e viña a menudo para coller apuntes e asistir a algunhas clases. Nese ambiente estudiantil participou timidamente nun acto galeguista xunto con outros alumnos, rápidamente abortado polas forzas da orden pública, e que a piques estivo de causarlle algún perxuízo e un amago de represalia que reconduxo a intervención de seu tío, o astrónomo Ramón María Aller Ulloa.
Entroutros recoñecementos, foille concedida a Insignia de Ouro da Irmandade Xurídica Galega, así como o premio honorífico da Fundación Luis Peña Novo.
O seu corpo vélase no tanatorio de Jesús Taboada e Fillos, da avenida Bos Aires de Lalín ata ás 22.00 horas de hoxe e mañá de 12.00 a 14.30 horas e de 16.30 a 20.30 horas. Dende alí sairá mañá sábado a comitiva fúnebre ata a igrexa parroquial de As Dores de Lalín onde terá lugar o seu funeral ás 20.30 horas para logo ser incinerado na intimidade familiar.A noticia do seu falecemento está a causar un fondo pesar que se está a traducir en moitos mensaxes de pésame dirixidas a súa inseparable dona, Esther da Silva Portela e os seus fillos: Victorino, Manuel e Román así como ao resto da súa familia.
O Concello de Lalín decretou un día de loito pola morte de Victorino Gutiérrez, Fillo Predilecto de Lalín, e as bandeiras do consistorio ondearán a media asta.