«O cruce de rastros dun animal dificulta moito a súa localización»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Cedida

Defende a práctica da caza como deporte, a pesar de ser criticada nalgúns foros

05 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Escoitar ao seu pai relatar cos amigos as longas xornadas pasadas cos cans na procura dalgún xabaril, espertou o interese de Andrea Cores Cancela dende a nenez por saír ao monte. Tanta insistencia desembocou naquela primeira experiencia, que aínda lembra na actualidade.

—Tiña 12 anos. Foi a primeira vez que meu pai me levou ao monte a unha batida de xabaril a Barro. Iso non se esquece.

—Como foi a experiencia?

—Tan boa, que a piques estou de cumprir 29 anos e continúo participando en batidas (ri).

—Non practica caza menor?

—Non. Meu pai ía ás batidas de xabaril, e eu fago exactamente o mesmo. Creo que a caza menor resultaríame máis aburrida, aínda que non podo opinar moito sobre a mesma xa que nunca a practiquei.

—Entón, as batidas son máis de aportar adrenalina?

—As batidas non é ir ao monte e xa está. Hai un traballo previo moi importante que se fai cos cans. A modalidade que traballamos é moi antiga, é a de rastrexar co can atado con corda, o que se chama cazar á traílla, e non está exenta de dificultade. O cruce de rastros dun animal, que poden ser varios, dificulta moita a súa localización. Podes pasarte horas no monte buscando o rastro do xabaril. A primeira vez que observei este traballo de cazador e can, que o visualicei no meu pai, non deixei de asombrarme pola súa complexidade.

—Os adestramentos dos cans teñen gran importancia nesta modalidade deportiva.

—Moitísimo. Contar con cans experimentados, perfectamente adestrados é fundamental. Nesta modalidade de deporte a conexión entre animal e cazador é imprescindible. As batidas establécense desde agosto ou setembro ata o mes de marzo, chega logo a veda entre abril e maio; ou maio e xuño, e de marzo a agosto é cando se adestran os cans excepto obviamente en época de veda. Iso significa que pasamos moito tempo no monte (ri).

—Non abundan precisamente as mulleres en batidas de xabaril pola zona.

—Certo que non, pero eu síntome feliz practicando este deporte. Fago o que me gusta. Vou ás batidas co meu home (Cándido Picón) que leva no tecor de Lalín como dezaoito anos; que coñecín precisamente nun campionato de rastro de xabaril en Vilagarcía (ri), teño bos compañeiros de caza... O que me molesta é que moitos pensan que só imos ao monte coa escopeta a tirar. Non é así. A caza é un deporte como o é o fútbol ou a natación, pero aínda non se ve dese xeito.

—Escoitan tamén voces críticas de que non actúan, e o xabaril estraga moitos cultivos.

—Facemos todo o que podemos para axudar ao que padece o problema. O Tecor de Lalín no que estou, penso que dende o ano 2017, fai un gran traballo nese senso. O que hai que saber é que é complicado localizar estes animais. Son moi intelixentes, en contra do que pode pensar a xente, e móvense moito dun sitio para outro. Atoparlle o rastro, xa dixen que é complexo.

—Pero semella que nalgunhas zonas do Tecor lalinense hai máis danos que o ano pasado.

—No Tecor de Lalín somos 6 cuadrillas agora mesmo, e cada unha está formada por entre 12 e 15 cazadores que tentamos axudar aos produtores que sofren perdas nas súas milleiras, pero o xabaril anda moito e cría máis ca nunca posiblemente polo aumento das temperaturas; pensa que o fai dúas ou tres veces ao ano, e vén parindo de cada vez unhas seis crías. Con estes datos é moi fácil entender que nalgunhas zonas proliferen estes animais, que se desprazan dun lado a outro na procura de alimento, polo que alí onde hai máis milleiras máis presenza e danos se atopan.

«Temos a mala fama de abandonar os cans no monte, os do xabaril non o facemos, seguro»

Andrea Cores Cancela (Santiago de Compostela) leva uns sete anos participando activamente nas batidas de xabaril no coto de Lalín, que está dividido en seis grupos: Goiás, Cazador, Vilatuxe, Prado, Corpiño e Seixo Blanco. «Esta fin de semana tocará Corpiño xa que imos rotando», afirma. Xornadas en que cans e cazadores se afanarán por dar cuns animais que protagonizan importantes danos nos cultivos. Pero revisten perigosidade? «Só se están feridos ou teñen crías, do contrario non son perigosos malia que impoñen polo seu tamaño», responde Andrea que ten no seu cómputo uns nove animais abatidos nos montes de Lalín ata a data.

No comentario popular pervive a afirmación de que os cazadores deixen no monte cans despois das tempadas de caza, ou ao rematar batidas como as que se están levando a cabo. «É certo que temos a mala fama de abandonar os cans no monte, pero os que cazamos xabaril non o facemos, seguro. Precisamos dos nosos animais. Coidámolos. Traballamos con eles. Son parte da familia. Nisto da caza hai que desterrar moito mito, moito díxome díxome», insiste Andrea.

A esta deportista santiaguesa, con corazón nos montes lalinenses, gustaríalle que aumentara o interese na sociedade por esta práctica deportiva; cos ollos posto no seu fillo Arón de só tres aniños ao que xa lle apaixonan os cans e podería seguir os pasos do seu avó e proxenitores, e elevando unha petición para que a practica deste deporte sexa algo máis barata. «A licenza, seguro, escopeta, roupa axeitada para este tipo de disciplina, colares para os cans con GPS, penso, gasoil para os desprazamentos,... É un deporte que resulta bastante caro, que podería ser algo máis económico, pero ao final é o que nos gusta», remata.