Conserva boas casas señoriais e mostras da arquitectura popular
19 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.A Virxe do Pilar patroa de España e festa no calendario laboral oficial, ten celebracións relativamente recentes na comarca dezá a maiores das que teñen lugar nos cuarteis da Garda Civil de Lalín, Silleda, Vila de Cruces e Rodeiro, das que xa deron cumprida conta os medios de comunicación. É o caso das festas que na honra desta devoción mariana se veñen celebrando en Negreiros de Silleda, poida que a mais concorrida de todas elas, na Baíña de Agolada, a da capela de Meixomín de Moimenta en terras de Lalín ao igual que esta de Madriñán a que dedicamos esta reportaxe.
A que se celebra na parroquia de Madriñán comezou, segundo contan os mais vellos, nos anos trinta do pasado século cando os da casa do Canteiro, para agradecerlle a Virxe do Pilar a curación dunha filla, mercaron a imaxe e acordaron co cura terlle unha celebración anual. Logo de corenta anos sen festa, recuperouse o pasado ano con grande aceptación popular, polo que repíteo este ano cunha xornada que principiou coa misa solemne oficiada polo arcipreste de Deza, Xosé Criado axudado polo vicerreitor do Corpiño Santiago Lillo Ortiz, á que puxo musica dende a tribuna a Banda de Musica A Lira de Prado, que tamén acompañou a procesión arredor da igrexa. A mesma banda, ofreceu un concerto na sesión vermú que tivo lugar no amplo campo da festa, polo que logo de interpretar un variado repertorio, desfilou a banda entre os aplausos dos festeiros. Pola noite houbo verbena coa orquestra Punto Clave e o grupo Arco Iris, sen que faltara un pulpeiro para quen quixera cear.
Escenario da celebración relixiosa foi a igrexa parroquial, construída hai pouco mais dun par de séculos sobre unha mais antiga que debeu ser románica —da que quedan os alicerces a vista nos muros da actual e un sepulcro de pedra facendo de pía da fonte a pé do camiño— que puido pertencer a un pequeno mosteiro fundado polos anacoretas que moraban na Serra do Carrio, que alí tiveron a capela do Santo Adrao en terras de Bermés, que dende tempos remotos é o patrón desta parroquia. Na igrexa coas naves dispostas en cruz latina, consérvanse dous fermosos retablos neoclásicos, o principal que preside o patrón Santo Adrao, un lateral, que honra a San Ramón Non Nato, e outro mais antigo, barroco, dedicado a Virxe do Carme, que xa no século XVIII tiña confradía e festa propia. Agora a festa principal é a do patrón con dúas xornadas a primeiros de setembro na que tamén se honra a Santo Antonio, ambos teñen aquí antigas imaxes nos retablos da igrexa ao igual que o San Roque. Pola contra, é nova a imaxe da Santa Rita de Casia, doada pola familia da Casa do Escríbano, que ten festa relixiosa dende hai uns anos, con procesión nocturna ata o ben labrado cruceiro procesional barroco, con imaxes de Cristo e Dolorosa e inscrición que o data en 1814.
Na parroquia hai varias casas señoriais construídas a partir do século XVIII, cando xa os pazos
fidalgos estaban en decadencia, razón pola que carecen de escudos, aínda que o coñecido como Pazo de Anzuxao, centro e insignia da acreditada fabrica de queixos desta denominación, luce un escudo dos Taboada Churruchaos, traído do pazo da Calzada de Bendoiro e tódolos elementos dun pazo, incluídos capela e pombal. Outra mansión señorial é a coñecida coma Casa do Escríbano, con notable cheminea barroca na que destaca unha hórrea de boas dimensións decorada con esgrafiados e outra hórrea de semellante tamaño, pódese ollar noutra casa veciña. A casa debe o seu nome ao un escribán que tiña despacho na torre segundo contan os veciños, malia a súa fortaleza física, morreu pola picadura dun mosquito.
Outras mostras da arquitectura popular que destacan na parroquia, son os hórreos de ata catro claros con eira lousada coma a da casa de Canuto, do noso informante Antonio Lamas; os muíños de ata dous pés de moa nos regatos que van ao Deza e coma testemuña da pegada dos antigos habitantes do país, fica un castro medio derruído que domina un amplo horizonte das terras de Deza.
Non podemos rematar este apertado resume da parroquia e das súas festas, sen destacar o extraordinario labor realizado polos veciños José Carlos, Gebre, Alejandro, Nuria, Ángeles e Cibrán, que fan de ramistas nos últimos tempos, mantendo e aínda recuperando as festas tradicionais coa colaboración dos pouco mais de un cento de veciños desta parroquia que curiosamente aínda mantén a súa vella taberna Casa Penalta e o moi acreditado Restaurante Airiños, paradas obrigadas para os que por aquí pasan camiño do Santuario do Corpiño.