A Coral de Lalín promove hoxe o seu tradicional Festival de Outono, con repertorio fóra do clásico

a. ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

19 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O tradicional Festival de Outono da Coral Polifónica de Lalín, que terá lugar hoxe ás 18.00 horas no Salón Teatro, con entrada libre ata completar aforo, presentará varias novidades: unha delas é que non contará con formacións convidadas, e por outra parte que o público gozará dun repertorio diferente ao habitual.

As explicacións dos cambios chegan da man do presidente da formación local Paco Sesto; «os mellores coros de Galicia penso que xa pasaron por Lalín ao longo dos últimos anos, e tiñamos pendente ofrecerlle ao público un concerto só noso, no que fósemos os protagonistas e pensamos que chegou o momento de facelo. Xa ía ser o ano pasado, pero finalmente non puido materializarse». Unha actuación que chegará pois da man en exclusiva da agrupación lalinense, que prepara para a ocasión un repertorio fóra do clásico que irá acompañado de instrumentación en directo. «Recurrimos a temas de Guadi Galego, Xabier Díaz, Jorge Drexler,... estamos nun proceso de evolución, cun repertorio do que estamos disfrutando moito, e que non é ao mellor o típico repertorio que ofrecen habitualmente as corais. Saímos do clásico», comenta Sesto.

Detrás dos cambios está o director da coral, Benxamín Otero, «ao que temos que parabenizar pola evolución que estamos tendo na agrupación. Creo que é necesario e convinte facelo», apunta o presidente. Unha ocasión que servirá tamén para que o público poida coñecer mellor, ou en maior profundidade, temas de autoría galega. «Existe un coñecemento dos autores galegos, claro que si, pero cústanos interpretar aínda en moitas ocasións os seus temas, e neste festival imos facelo», dixo.

Coa celebración do festival de outono, a Coral Polifónica de Lalín comeza unha xeira de actuacións. Por diante meses cargados de citas nas que serán anfitrións de festivais, pero tamén viaxando pola comunidade para ofrecer concertos. Na programación figura a súa participación na Semana Cultural de Cercio (Lalín) o vindeiro 17 de novembro, para seguidamente converterse en organizadores do III Festival de Panxoliñas o 14 de decembro. «Contaremos coas corais de Padrón e San Salvador de Camanzo, en Vila de Cruces, como formacións convidadas. Posteriormente o día 21 dese mes iremos a cantar a Padrón, ao día seguinte estaremos en Doade, na Casa do Patrón. Tiñamos outras peticións para ir cantar pero o certo é que non as puidemos atender».

Por outra parte, a agrupación local prepara tamén unha participación na programación das Aldeas de Nadal, iniciativa que promove o Concello de Lalín. «Estamos vendo a posibilidade de cantar panxoliñas polas rúas do pobo coincidindo coa instalación das casiñas en distinto puntos da vila», remata Paco Sesto.