Lalín continúa formando contra todo tipo de violencias

a. ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

cedida

08 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O programa Lalín sen violencia, que foi presentado onte pola concelleira de Igualdade Carmen Canda Larroy, xunto aos técnicos de dito departamento Susi Payo e Celso Taboada, contempla un ano máis a celebración do Concurso de Cartas Dillo a quen maltrata que entra na súa recta final despois de pecharse o prazo de presentación de traballos orixinais e inéditos, pasando por proxectos de educación sexual ata un programa socioeducativo de xénero, igualdade, coeducación, redes sociais e violencias programado para metade de decembro.

O concurso de cartas, que chega este ano a súa XXI edición, e que será fallado a vindeira semana contabiliza un total de 54 misivas participantes procedentes de distintos puntos de Galicia e doutras comunidades, con premios aos tres mellores relatorios que se entregarán o próximo día 23, a partir das seis da tarde, dentro da xornada do proxecto Arte-Acción contra a violencia de xénero no que colaborarán agrupacións locais como Máisquedanza, Scene Ballet, as pandeireteiras Ponte da Prata de Botos, xunto ás intervencións de Iria Varela e Diego Rodríguez. Con anterioridade do 15 ao 30 deste mes o vestíbulo da casa consistorial lalinense contará cunha exposición titulada Racha cos tabús; unha mostra de carácter itinerante que percorrerá tamén aos centros educativos do municipio lalinense e o Espazo Xove.

Por outra parte, o proxecto de educación sexual Abrimos o melón; que está colleitando unha óptima resposta de alumnado e familia, e que foi piloto en 6º de Primaria manterase na programación do Lalín sen violencia neste exercicio, levando a información e a formación sexual ás aulas «xa que segue sendo unha materia tabú; nas aulas custa falar diso e nas casas tamén», apuntou Payo. Un grupo de sexólogas serán as encargadas de formar aos chavales en educación sexual, e de resolver as dúbidas que o alumnado prantexe.

A concentración contra a violencia de xénero o 25 N está prevista para o mediodía no vestíbulo do consistorio, «con lecturas contra a violencia que realizarán 150 alumnos dos centros educativos do municipio», segundo avanzou a concelleira de Igualdade. O grupo Sarabela Teatro escenificará no Salón Teatro o 29 de novembro, ás 21 horas, A cincenta que non quería comer perdices; unha obra para maiores de 12 anos, e cuxa entrada será de balde.

A extensa programación ao abeiro do 25 de novembro rematará coa celebración do programa socioeducativo de xénero, igualdade, coeducación, redes sociais e violencias que impartirá a sociológa, profesora do departamento de socioloxía da Universidade de Xaén e especialista en violencia de xénero Carmen Ruiz Repullo os días 16 e 17 de decembro.

A concelleira de Igualdade Carmen Canda convidou á participar en todas as actividades programadas, pero con especial chamada para o público adulto; «os rapaces adoitar estar nas actividades, tanto as que se fan aquí no concello como nos colexios, pero hai que animar á xente adulta a que asistan tamén a estes programas para formarse e entre todos traballar en contra de todo tipo de violencias».

Lalín é o cuarto concello de Galicia que acadou máis financiación para o desenvolvemento deste tipo de programas, según avanzou Celso Taboada, posiblemente polo traballo feito ao longo dos últimos anos, acadando pois axuda do Ministerio de Igualdade, Secretaría de Estado de Igualdad e contra a Violencia de Xénero.