Entre os concellos de Lalín e A Estrada hai unha parroquia chamada San Miguel de Bendoiro, bañada polo río Asneiro que vai reunir as súas augas co Deza, río que dá nome á comarca. Estamos, pois, nun val, malia que non lonxe da Serra do Candán, con alturas en torno aos 1.000 metros.
Bendoiro estaría dentro do grupo dos topónimos galegos de orixe céltica, concretamente dos que teñen o elemento protocéltico *bend, que Juan José Moralejo interpretou como «pico saínte». Este compoñente pode estar tamén en Bendaña (Touro), documentada como Bendania, do mesmo xeito que o noso Bendoiro aparece en época medieval como Bendurio.
Hai, en efecto, nos gráficos do relevo da zona un pequeno punto culminante, o que confirmaría a idoneidade do nome, característica orográfica que comparte con Bendaña.
Bendoiro é perfecto para unha escapada rural, con pazo do século XVI, gastronomía a esgalla e, un chisco máis cara ao sur, coa singularidade das paisaxes, a fauna e a flora da impoñente Serra do Candán.