Noelia Guerra: «Os usarios valoran o asesoramento personalizado e resolver dúbidas»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Miguel Souto

O servizo tivo asignadas 990 citas, a maiores dunha vintena mensual de particulares

11 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Acceder a un posto de traballo ou buscar melloras laborais centra un dos nosos piares como sociedade, e moitos son os que acoden á Asociación de Empresarios do Deza (AED) na procura de información e asesoramento nese eido. A patronal dezá conta desde a súa fundación no ano 1993 cun servizo de orientación laboral, dentro das áreas das que dispón, do que se ocupa desde 2017 a psicóloga lalinense Noelia Guerra. A posta en marcha de dito servizo xurdiu pola bolsa de emprego destinada aos socios da patronal, e que na actualidade está subvencionada pola Xunta de Galicia.

—Como é o funcionamento do servizo de orientación laboral?

—Desenvólvese atendendo á actualidade formativa e laboral en xeral, e da comarca en particular. Ao longo das sesións de orientación comezo presentándome, e logo explico polo miúdo o servizo tal como recolle o manual de instrucións, que está dispoñible na intranet do propio servizo. Posteriormente xa se comeza coa entrevista propiamente dita, cuxo desenvolvemento depende das necesidades da persoa coa que se estea a falar.

—Que datos son obxecto de análise habitualmente?

—De maneira xenérica sempre se analizan os datos dispoñibles na ficha de demandante de emprego da persoa, para comprobar que están correctos ou se precisan dalgunha actualización. De ser así, explícaselle como pode realizar esas modificacións, xa que nós non podemos facelo. Ao rematar con iso, explóranse os intereses da persoa e, en función do que indique, lévanse a cabo diferentes procedementos. Así, sempre que a persoa queira, asígnanse novas citas (preferentemente presenciais dadas as instrucións publicadas no mes de novembro) nas que seguir coa conversa e poder establecer un clima de maior confianza coa persoa, para así determinar o seu perfil profesional.

—Cales foron as temáticas que se abordaron?

—Tratáronse temáticas diversas; dende as competencias clave, cursos AFD, acreditación de competencias profesionais, FP nas diferentes modalidades, oficina virtual, páxina de emprego da Xunta e a súa operativa, plan concellos, ofertas laborais relacionadas co perfil da persoa, formacións relacionadas coas ocupacións solicitadas polos usuarios do servizo, orientación sobre posibles ocupacións que a persoa podería desempeñar, pero tamén información sobre o xeito de solicitar unha cita previa na oficina de emprego ou unha vida laboral.

—Co ano 2024 recén rematado, toca contabilizar datos.

—Pois o servizo de orientación prestado pola nosa entidade tivo asignadas 990 citas, das cales se desenvolveron un total de 785, e 205 non puideron ter lugar ao estar a persoa xa traballando ou por non poder establecer contacto coas mesmas. Con respecto aos IPIs (Itinerarios Personalizados para a Inserción Laboral) desenvoltos durante este período iniciáronse 71, sendo a maioría deles beneficiarios de garantía xuvenil.

—As citas asignadas procedían en su totalidade da oficina de emprego?

—As 990 mencionadas si, pero logo están tamén as persoas que acoden ao servizo a título particular e que non se contabilizan na listaxe oficial.

—De que volume de asistencias a maiores estamos falando?

—Ao mes aténdese a unha vintena de persoas, máis de 200 anuais, polo que a cifra real é moi superior ás 990 citas asignadas ao longo do ano pasado.

—Que é o que máis valoran do servizo de orientación?

—Os usuarios valoran o asesoramento personalizado, o trato e que se lle poidan resolver as dúbidas que prantexan.

«Aos que non teñen obxectivos claros, trato de delimitarlle as áreas de interese»

A elaboración dun currículo ou a homologación de estudos estranxeiros son outras das demandas que lle presentan a Noelia no Servizo de Orientación da AED, que dende abril conta coa ferramenta Emi; «que serve para realizar perfilados competenciais das persoas demandantes de emprego, aínda que polo de agora nos atopamos en fase de adaptación á súa utilización nas sesións de orientación».

Logo están, por outra parte, os Itinerarios Personalizados para a Inserción laboral (IPIs) cuxa maioría foron realizados con persoas beneficiarias de garantía xuvenil, aínda que algúns deles foron realizados con demandantes de emprego aos que lles resultou interesante a opción cando se lle propuxo, explica a orientadora laboral. «Con esas persoas traballouse de maneira diferente, posto que con eles a orientación é un traballo de fondo que require unha ampla dispoñibilidade para atender as súas consultas e esforzo na busca de ferramentas que melloren a súa empregabilidade», aduce. A sesión inicial é diferente segundo se trata de beneficiarios de garantía xuvenil ou non, apunta. «Explícaselles o que significa ser beneficiario de garantía xuvenil, vantaxes que conleva, o que é un IPI e repásase a traxectoria formativa e laboral, comprobando se posúe currículo redactado ou se é preciso confeccionarlle un. Obviamente aos que non son beneficiarios de garantía xuvenil xa non entramos no primeiro apartado».

Os usuarios do Servizo de Orientación Laboral da AED son da comarca de Deza, maioritariamente de Lalín, pero non todos acoden con claridade nos seus obxectivos «polo que trato de axudarlles a delimitar ou descubrir as súas áreas de maior interese facéndolles preguntas, ou pasándolles os enlaces a test vocacionais», comenta.