Marilyn Fonseca, da tenda de artesanía Pedriñas: «Os porquiños de madeira pídenos para agasallar, de recordo de Lalín»
LALÍN
Imáns de neveira, algúns pintados a man e con forma de leitóns, viaxan polo mundo
25 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A Feira do Cocido de Lalín, e a celebración do mes deste prato gastronómico no que estamos mergullados oficialmente ata o 14 de febreiro, concentra a comensais chegados desde puntos moi diversos da xeografía. Despois de degustar o opíparo menú, máis dun visitante comeza unha andaina polo pobo para dixerir viandas, verduras e sobremesa, pero tamén na procura dalgún detalle para levarlle á familia. Marilyn Fonseca Cambeiro, xerente da tenda Pedriñas, soubo darlle resposta a unha demanda cada vez maior, e sen perder de vista o gran protagonista do prato: o porco. Unha iniciativa que vai camiño de cumprir once anos.
—A súa tenda está centrada maioritariamente en pezas de decoración e de artesanía.
—Esa foi a idea coa que naceu (ri). Meus pais tiñan un establecemento de hostalaría, e eu buscaba poñer en marcha un negocio moito máis levadeiro, sobre todo no aspecto do horario. Gústame traballar de cara ao público e pensei en poñer en marcha unha tenda centrada en obxectos de artesanía e de decoración. Así naceu Pedriñas no ano 2009.
—O nome de Pedriñas xurdiu por algunha cuestión en particular?
—O meu home, Rafa Rozas, é canteiro. Traballa coa pedra... por aí veu o nome (ri). Algúns dos seus traballos tamén se poden mercar na tenda.
—O seu escaparate e a súa páxina web amosa moitos porquiños, nun momento en que se celebra o Mes do Cocido e está próxima a 57 edición da feira. Cando empezou a vendelos?
—Creo que foi polo ano 2013 ou 2014 a raíz dun encargo de figuriñas que nos fixera o concello. Aí foi cando nos decatamos de que podía ter unha óptima saída en forma de agasallo, unha vez que a xente xa busca algo diferente para levar, e que non sexa o típico hórreo galego. Por outra parte os visitantes queren levar algo de sexa de aquí, e optamos por ofrecer un detalle que estivese relacionado co cocido.
—Porquiños.
—Iso é. Botamos man dalgún dos nosos artesáns na procura de detalles en pedra e madeira, e aínda na actualidade se chega algún cun determinado modelo de porquiño que nos parece de interese, tamén o engadimos á oferta que temos en tenda.
—Dentro desa oferta, que pezas están suscitando unha maior demanda do público?
—Os porquiños de madeira, que eu pinto persoalmente a man e que son imáns de neveira, pídennolos para agasallar ao igual que os que están gravados con algunha frase alusiva a Lalín ou ao cocido. Son todas pezas de madeira elaboradas por un taller de artesanía da Bandeira, Avelaíña. Algunhas están á venda tal como chegan, e outras píntoas eu. O certo é que están tendo unha moi boa saída, ao igual que os chaveiros. Son pezas pequenas, de pouco peso, fáciles de acomodar e de levar para calquera sitio.
—Cal é o seu destino fundamentalmente?
—Veñen moitos rapaces dos institutos que están nalgún intercambio e mercan algún porquiño para levar, así que algún marchou para Polonia, Alemaña, Italia... A xente que ten familia fóra tamén acode á tenda na procura dun agasallo para levarlle, ou mandarlle, pero que pese pouco e teña unha relación con Lalín, e apostan polos porquiños. Sabemos que hai pezas no Canadá, Venezuela, Arxentina, Inglaterra e Portugal. Tamén temos uns platiños para o polbo cun porquiño que son moi demandados, e a algún tamén foi preciso explicarlle o que significaba o porquiño para que non houbese malas interpretacións (ri).
—Tazas e hórreos entón como souvenir están deostados.
—A nós non nolos piden. O noso cliente busca algo diferente, e que teña que ver con Lalín.
«Nunca pensei vender isto, pero o local evoluciona en función da demanda»
Pezas de artesanía e de decoración enchen a maior parte deste establecemento lalinense, pero sen obviar o escaparate do agasallo que tan óptimos resultados está tendo, aínda que Marilyn nunca pensou meterse en tal madeixa. «A miña idea non ía por aí, e nunca pensei vender agasallos, pero o local vai evolucionando en función da demanda. Estamos para dar resposta ao que busca o cliente».
E aí están os imáns que acabarán pendurados nas neveiras, ou os lapis balizados cun porquiño de Lalín. Todo a prezos asequibles, aptos para calquera peto, apunta Marilyn. «Desde os dous ou tres euros xa hai algún agasallo en forma de porquiño na tenda, claro que tamén os temos de pedra e eses obviamente son algo máis caros e van dirixidos máis a restaurantes que os levan para que luzan nestas datas, ou ao longo de todo o ano». Pezas de agasallo en forma de porquiño, cuxa adquisición está completamente desestacionalizada, comenta a responsable de Pedriñas. «Véndense todo o ano; tanto no Nadal como en pleno mes de xullo ou agosto, e agora mesmo con tantas persoas que veñen á vila a comer o cocido tamén. Aproveitan, antes ou despois de comer, para mercar algún recordo de Lalín».
Os detalles para vodas ou eventos é outra das liñas de traballo do establecemento lalinense, con posibilidade de que sexan personalizados a petición do cliente. E a maiores un convite para ollar algún pequeno moble con pedra, «que é diferente ao que se pode ver habitualmente, e que chaman normalmente a atención do público. Son traballos que fai o meu home, e que tamén se poden adquirir en tenda», e unha porta aberta tamén ao mundo dos incensos, xaboneiras, figuras de decoración, cestos, maceteiros e cadros.