Lalín prepara a alfombra vermella para uns Mestre Mateo históricos

David Cofán Mazás
David Cofán LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Adrián Freiría

«Rapa», «As Neves, «Honeymoon» e «+Cuñados» acumulan a maioría das nominacións dunha gala que reivindica o momento puxante do audiovisual galego

15 mar 2025 . Actualizado a las 17:59 h.

Toda semellanza do Lalín Arena cun recinto deportivo parecería ficción se non fora polas bancadas laterais e as redes que cobren aos afeccionados de recibir un balonazo. Polo demais, a poucas horas de que arrinque a XXIII edición dos Premios Mestre Mateo (22.00 horas, TVG), loce como un espectacular plató de televisión, salpicado polas mesas redondas arredor das que se disporán os artistas, políticos e demais persoeiros da sociedade galega que acudirán á cerimonia. En total, a organización cifra en 900 as persoas que verán dende o Arena esta entrega de premios que marcará un fito no audiovisual galego.

Este non é outro que o escenario, por suposto máis aló do enorme esforzo e talento que presentan as candidaturas desta edición. Será en Lalín, en Pontevedra. O primeiro nunca pasara, xa que os Mestre Mateo sempre se fixeron nas sete cidades. O segundo é menos anómalo, pero facía varios anos que a gala non regresaba á provincia.

Esta aposta polas vilas e o rural foi protagonista na comparecencia previa das autoridades, na que participaron o presidente da Academia Galega do Audiovisual, Álvaro Pérez Becerra; o director de Proxección Social da Televisión de Galicia, Xaime Arias; a responsable de Política Audiovisual de Agadic, Dolores Meijomín; o deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra, Jorge Cubela; e o alcalde de Lalín, José Crespo.

En busca da excelencia

«Damos as grazas ao Concello de Lalín e a toda a veciñanza. Levamos unha semana traballando e non podemos notar máis cariño, ilusión e colaboración. Esta experiencia sérvenos para que a partir de agora poidamos estar en moitos máis sitios», declarou Álvaro Pérez. Do mesmo xeito, agradeceu o esforzo da Xunta e da Deputación a prol do audiovisual galego. Finalmente, o presidente da Academia enxalzou o traballo da TVG. «Isto non se ve diante das cámaras, pero hai preto de cen profesionais da Televisión de Galicia que levan moito tempo facendo un esforzo moi grande para que chegue a todos os galegos», dixo.

Pola súa banda, Xaime Arias asegurou que a televisión pública «xa gañou ao ver que o sector audiovisual segue medrando ao noso carón». Ademais, lembrou o 40 aniversario da TVG. Meijomín destacou o «momento puxante» do sector, aínda que animou a «seguir traballando para acadar a excelencia a nivel nacional e internacional».

Na súa quenda de palabra, Jorge Cubela defendeu o proxecto da Deputación para «diversificar, vertebrar e apoiar a todos os entornos periféricos». Nese senso, asegurou que son momentos históricos. «Que mellor decisión que se fagan en Lalín, na capital de Deza, para demostrar que o rural está vivo e que se poden organizar grandes eventos e galas fóra do ámbito urbano», rematou.

O último en facer declaracións foi Crespo, quen agradeceu a «oportunidade de facer estes premios, porque é unha forma de demostrar que, eventos coma estes, de marcado carácter cultural, pódense facer fóra das sete cidades». Do mesmo xeito, considerou que estes Mestre Mateo «van marcar un antes e un despois», lembrando a aposta da TVG por Lalín coa celebración, tamén no Arena, da Gala do Cocido.

Candidaturas e favoritos

Rapa e As Neves son as grandes favoritas da noite, acumulando entre as dúas 31 nominacións. Tamén destacan as longametraxes Honeymoon e +Cuñados. A serie de Portocabo ten 18 candidaturas, entre elas a de mellor serie, que comparte con El circo de los muchachos e Bibopaula, ao tempo que coloca a sete dos seus intérpretes nas distintas categorías de interpretación: Mónica López, Javier Cámara, Darío Loureiro, Sheyla Fariña, Adrián Ríos, Diego Anido e Miguel de Lira. Nestes campos, Honeymoon situou tres dos seus intérpretes —Javier Gutiérrez, Antonio Durán, Morris, e María Vázquez—. Completan as categorías de interpretación Federico Pérez por +Cuñados; Carmen Machi, por Tratamos demasiado bien a las mujeres; Andrea Varela, por As Neves; María Pujalte, por Clanes, e Lucía Veiga, por Na gloria. A actriz repite como finalista en reparto por As Neves.

En canto ás películas, as candidatas son As Neves, +Cuñados e Xustiza artificial. E pola mellor dirección compiten Sonia Méndez, Luis Avilés, Enrique Otero, Jorge Coira e Javier Cámara.

A gala será presentada por Teté Delgado e Baiuca interpretará varios temas do seu último traballo.