
Homenaxe ás pandeireteiras de Zobra que gravaron un disco
24 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A concelleira de Cultura lalinense, Begoña Blanco, presentou onte a programación cultural de maio que baixo o título de Honrando ás nosas Cantareiras ten como eixe central a celebración, o día 17, dun novo Serán das Letras Galegas que volta ao seu espazo orixinal na Praza da Igrexa. Será a partires das 18.00 horas coas actuacións de dez grupos de música tradicional lalinense, con especial presenza de pandeireteiras e cantareiras.
Participan: Carballo da Manteiga, A Carballeira de Cercio, Ailola, Dezas de Moneixas, Repenicando, a asociación Randela, as pandeireteiras de Zobra, as de Bendoiro e as de Ponte de Prata, así como Roseira Brava. Blanco destacou a gran riqueza musical de Lalín explicando «contamos cunha ducia de grupos» aínda que dous de eles: os Xuntouse Os Trasnos de Doade non poderán participar desta.
No acto renderase homenaxe as pandeireteiras de Zobra. Blanco lembrou que xa recibirán no seu día o pandeiro de honra, pero este acto quere servir de recoñecemento a súa labor. Agustín, xenro de Celsa, unha delas, contou onte «que hai 5 ou 6 que teñen máis de 80 anos. Acaban de gravar un disco, que aínda non está editado» e que contar ter para o verán. Este servirá de rexistro para as súas voces e un amplo repertorio de cantares. O núcleo das veteranas engádese un feixe de rapazas novas. Agustín explicou que van facer unha asociación que servirá tamén para recadar fondos para o disco. Blanco pediu aos grupos participantes no serán que leven a unha ou dúas persoas co traxe tradicional explicando as súas características.
A programación de maio arrinca o día 3 coa representación de Fala, fala falangueira de Matrioshka Teatro, ás 18.00 horas no Salón teatro para un público familiar. O día 6, ás 11.00 horas, no Salón Teatro, proxéctase o documental Fontán, o primeiro rostro de Galicia, para os centro educativos nun acto aberto tamén ao público en xeral. O día 8, ás 20.30 horas, no Museo preséntase o libro Cantareiras de Xosé Manuel Varela e Icía Varela e o día 9, ás 21.00 horas no Salón teatro Amorodio Teatro representa Cortello de amor.
O día 10, ás 20.30 horas, na sala Tuno Valdés, a Banda de Lalín ofrecerá o Concerto de Primavera e o día 13, ás 18.00 horas, na biblioteca e para rapaces de 4 a 12 años, As Josefas de Lalá Teatro retarán aos presentes con música a coñecer o que saben de Galicia.
O día 16, a partir das 10.45 horas na Praza de Galicia, arranca o Correlalín, unha carreira dos centros educativos pola lingua. E ás 21.00 horas, Tiruleque da un concerto na Praza da Igrexa. O día 18, ás 12.00 horas no Km 0, a Banda de Vilatuxe ofrece o concerto das Letras Galegas. O día 22, Manuel Quintana Martelo, presidente da RAGBA, da unha conferencia no Museo ás 20.00 horas. Moc-Moc Produccións representa o día 23, ás 21.00 horas, no Salón Teatro a obra Fagamos o humor e Fulano, Mengano e Citano poñen en escena o día 30, ás 21.00 horas no Salón Teatro O que hai que ver. O día 31 celébrase un recital de poesía ás 18.00 horas no parque de Ramón Aller onde a estatua con Xosé Luna, Charo Golmar, Rosalía Morlán, Manuel Núñez,. Luis Tosar e a música de Manoele de Felisa. E na biblioteca haberá en maio unha exposición de libros de escritores galegos.