«Manuel Fernández ten que dimitir. Nós non debemos nada»

amelia ferreiroa LALÍN /LA VOZ

RODEIRO

MARCOS MÍGUEZ

Na reunión extraordinaria do Consello Rector de Xuncoga pedirá explicacións pola acusación dunha importante débeda

09 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O cruce de acusacións entre o presidente da cooperativa de segundo grao Xuncoga e o de O Rodo de Rodeiro, Manuel Fernández e José Luis Camiñas respectivamente, polo atraso de varios socios nos pagos e o malestar xerado polas declaracións motivou a convocatoria para hoxe dunha reunión extraordinaria do Consello Rector de Xuncoga.

-Abordarán a situación económica das cooperativas socias en débeda con Xuncoga. O Rodo ten pagos pendentes?

-Non mantén débeda ningunha. O primeiro que hai que dicir é que o presidente de Xuncoga quixo incendiar O Rodo. Saberá o motivo polo que o fixo. Convoca esta reunión despois de quince días, e faino despois dunha chamada miña en que lle dixen que se non a convocaba o faría eu como membro do consello. Desacreditar unha cooperativa é moi fácil. Manuel Fernández non se corta nada á hora de falar, sexa verdade ou mentira, e O Rodo non debía nada. O único que fixemos foi cambiar o medio de pago como medida de presión. O 21 de xuño, que é cando saiu a noticia de que tiñamos unha débeda, debiamos 0 euros. Falaba do penso de maio, e non vencía o día 21 senón o 29. Falaba de que O Rodo non pagara o plástico, e venceu a semana pasada e xa o ten cobrado. Estamos ante un presidente irresponsable.

-Mudaron o medio de pago como medida de presión. O funcionamento non é axeitado?

-Véñense arrastrando problemas. Hai descontos que se usaban a descaro. Queremos as mesmas formas que se usan con outras cooperativas e o presidente non pode dicir nos medios de comunicación que debemos o plástico cando aínda non vencera o prazo para pagalo. É un irresponsable. Presentou unha proposta, tres anos atrás, e non a cumpriu. Non está facendo o seu traballo.

-Que vai pedir na reunión extraordinaria?

-Voulle pedir ao presidente responsabilidade. Non se pode dicir que O Rodo debe 400.000 euros. Ten que marchar. Non sabe a repercusión que tivo todo isto.

-Prexudicoulles?

-Claro. Se deixamos de pagar nós, ou calquera outra cooperativa, expúlsase e punto. Os socios de O Rodo coñecerán todo no momento en que se poida facer unha asemblea; que tiñamos que ter as contas presentadas pero non puidemos pola situación sanitaria, pero non dan crédito do que está pasando ao igual que outros membros do consello.

-Pedirá entón a súa dimisión?

-Manuel Fernández ten que dimitir. É indiscutible. Nós non debemos nada. Non está preparado para estar ao fronte de Xuncoga, e que conste que o aprecio pero isto non se pode consentir. Tiven que dar moitas explicacións polas súas afirmacións, e os socios elexíronme para velar polos seus intereses e polo crédito da cooperativa.

-Se non prospera a súa petición, sopesa deixar Xuncoga?

-Os socios serán os que o valoren, aínda que creo que Xuncoga necesita O Rodo e viceversa. Elabórase un penso moi bo, os traballadores son moi responsables e os técnicos espectaculares... pero hai que valorar todo. Imos facturar case 6 millóns. O Rodo é unha gran cooperativa.