Medio centenar de veciños de Rodeiro visitaron O Cebreiro

daniel gonzález alén RODEIRO

RODEIRO

DGA

24 sep 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Cincuenta e dous veciños pertencentes as parroquias de Rodeiro que rexe no espiritual o párroco Alvito García Fente, realizaron unha excursión a O Cebreiro, na xornada do pasado xoves. En Pedrafita pararon para ver a pequena vila moi transitada polos vehículos tralo peche das pontes da autoestrada de Lugo a Madrid e mercar na feira a primeira hora da mañá. De seguido, xa na localidade do Cebreiro, visitaron as típicas pallozas e percorreron os camiños da contorna, ollando as espléndidas panorámicas que o lugar ofrece da Serra dos Ancares.

A mediodía, asistiron a misa do peregrino, na antiga igrexa-santuario que tamén mereceu unha detida visita. Logo de xantar no acreditado Mesón Carolo, emprenderon o retorno polo Camiño Francés a Compostela, facendo parada no celebre mosteiro de Samos, que visitaron guiados por un frade bieito, percorrendo este monumento que combina os estilos gótico, renacentista e barroco, con grandes claustros repletos de pinturas murais e á grandiosa igrexa con fermosos retablos e antigas imaxes.

A última parada da xornada foi na vila de Portomarín, con visita a súa igrexa románica e un percorrido polas súas rúas e prazas, ollando dende os miradoiros o Miño que, escaso de caudal e baleirado o encoro, deixaba ver a ponte a as ruínas das vellas construcións.

De volta a Rodeiro no autobús de Presas, os mais divertidos entoaban unhas cantigas, outros mantiñan animadas conversas e todos coincidían en sinalar que fora unha grata xornada que ben merecía ter continuación en adiante noutras datas e lugares.