Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Os veciños salvan o cruceiro procesional de Pedroso, Rodeiro

daniel gonzález alén RODEIRO

RODEIRO

Daniel González Alén

En cargaron ao escultor O Vila a súa reparación e a máis a do pousadoiro

27 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Moitas veces nos temos ocupado de contar neste e noutros medios, os estragos e roubos que cada pouco se producen nos cruceiros da nosa comarca, polo que alédanos poder traer unha nova das que mais nos gusta publicar das que son protagonistas os veciños de Pedroso, en terras de Rodeiro, que veñen de salvar cruceiro procesional da parroquia que ameazaba con derrubarse e partir en anacos, de non mediar esta urxente actuación da veciñanza. Hai un par de meses a veciña e amiga, Isabel Porto Juiz, mandounos aviso de que o cruceiro aparecera inclinado dun día para outro e corría risco de caer en partir en anacos, polo que cumpría que alguén fixera algo para evitalo.

Porén, en canto puidemos fomos ata Pedroso por mor de comprobar este extremo. Logo de ollar po cruceiro, reparamos en que a xunta do fuste coa plataforma, presentaba unha folgura que permitía abanear o cruceiro, como consecuencia dalgún vendaval, da erosión ou poida que de refregarse no varal as vacas que a cotío por aquí pasan.

Despois desta visita fixemos varias xestións diante das institucións na procura dunha solución ao asunto, acadando do director da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ildefonso de La Campa, o compromiso do arranxo antes ou ao tempo que se ía acometer a mellora dun treito de camiño nas proximidades, onde encora a auga coas enchentes da invernía. Mais no caso do cruceiro, non foi precisa a intervención oficial, xa que os propios veciños, acordaron encargarlle ao escultor e canteiro O Vila, a reparación do cruceiro e mailo pousadoiro, de xeito que xa estaba arranxado, segundo puidemos comprobar, para a celebración das festas da parroquia no presente mes de agosto, cando a procesión chegou ata a aquí segundo temos publicado.

Do cruceiro que está a pé do Camiño de Inverno de peregrinación a Compostela, que xa tiña o pousadoiro no chan dende hai décadas e alguén lle levara a lousa que facía de mesa, publicaramos non hai moito na prensa, xunto co de Alemparte (Lalín), para dar conta de que en ámbolos dous os pousadoiros reaproveitaran senllos miliarios romanos.

Non viría mal, proceder tamén a reparación da cruz que se ergue enriba dunha peneda a pé da ponte medieval pola que transcorre o camiño de Inverno, que leva partida varias décadas. Mágoa que non se procedera a facelo cando se levaron a termo as obras de rehabilitación da ponte en tempos recentes.