Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

A señorial Casa Martul en Rodeiro

daniel gonzález alén RODEIRO

RODEIRO

Daniel González Alén

Na fachada principal hai un relevo de interese, dun frade baixo unha cruz

11 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A casa señorial de Martul, en Santa Baia de Camba en terras de Rodeiro, chamou a nosa atención hai anos, coidando que ben merecía dedicarlle un artigo. Non hai moito o amigo Javier Diéguez nos preguntou por esta mansión e máis concretamente polo altorrelevo que loce na súa fachada, baixo unha cruz, no que ve esculpida a figura dun frade que ben pode ser un santo. Na procura de darlle resposta e coidando que pode ser de interese vamos a contar o que atopamos ata o de agora.

Trátase dunha casa señorial de finais do século XIX ou principios do XX, poida que ampliada sobre unha anterior máis antiga da que se aproveitou a fábrica, rodeada dunha grande propiedade, parte dela vendida ao igual ca metade da casa, que conserva hórreo, eira lousada, portalón e outras dependencias e que convenientemente rehabilitada é morada dos seus actuais propietarios.

Na outra metade, que está a venda segundo un cartel que dende hai anos colga do fermoso xardín de buxos e arbores ornamentais, chama a atención o relevo citado que se pode ver na fachada principal, entre o tellado e a sopena, que semella de entre os séculos XVI e XVIII, coa figura dun frade que ben pode ser santo, baixo unha cruz. De entrada, pensamos que podería corresponder a unha capela interior, pero as testemuñas que recollemos desbotan esta posibilidade, polo que é posible que sexa un simple adorno esculpido para esta casa señorial, ou reaproveitado se cadra traído doutra construción máis antiga.

O frade santo, podería ser San Francisco de Asís, cos tres nudos no cordón —castidade, obediencia e pobreza— e flanqueado por dous «tous» ou troncos de árbore que rematan en senllos carapuchos. Tamén se podería tratar de Santo Domingo de Guzmán ou que en lugar dun frade fora unha abadesa, segundo nos informa Ezequiel Ferrer. Semellante é a apreciación que nos manda Pablo Sanmartín, para quen a figura esculpida «semella representar un frade, posiblemente un franciscano ou o propio San Francisco. Leva o hábito completo (túnica, capucha, capela e cordón-cinto) e unha cruz peitoral».

Outro elemento que destaca nesta casa é a galería acristalada, parte dela tapiada con uralita na actualidade, un balcón de forxa e un portalón que da acceso a eira. Aparte do xardín, nas proximidades conservase un bo exemplar de pombal cadrado o carón de que medra un carballo centenario de boas dimensións.

A casa e o pombal están catalogados por Patrimonio e figuran coma bens a protexer no PXOM do Concello de Rodeiro.

O destacado Pedro Martul

Da familia Martul, orixinaria do lugar homónimo do municipio lucense de Outeiro de Rei, fundadora e propietaria da casa, destacou Pedro Martul Rey (Santa Baia de Camba 1908 - Santiago, 1982), fillo de Jesús Martul López e Mercedes Rey Pato, profesor e escritor galego, que aprendeu as primeiras letras na escola de Santa Baia e asistiu as clases de latín e humanidades que impartía o sacerdote Francisco Javier Fafián García (Outeiro-Fafián, 1861 ? Santiago de Compostela, 1938), cura párroco de Santa Baia en cuxo camposanto está soterrado, unha verdadeira eminencia, que ben merece unha biografía completa.

De Pedro Martul Rey hai varios libros publicados e centos de artigos en xornais e revistas, algúns deles referidos a Rodeiro, coma El Monte Faro, señor de Rodeiro. Valores humanos de esta comarca ou La significación de la taberna en el mundo latino” no que lembra a súa terra de Camba: «…en Vence, en la Torrebella, la taberna que durante algún tiempo fue ateneo de las gentes de Rodeiro...» e tamén de Lalín e do sabio Ramón María Aller.

Exiliado en Francia e logo México, a súa biografía figura no Dicionario Biográfico da Fundación Pablo Iglesias e tamén na Wikipedia. Tamén mereceu a atención do intelectual Alonso Montero nun artigo seu e o noso paisano e amigo, Antonio Vidal Neira, ofrece interesantes apuntamentos deste notable persoeiro no seu blog.