A pegada da sétima arte en Silleda e A Bandeira

Daniel gonzález alén

SILLEDA

Perfecto Pereiro comezou en 1934 a proxectar películas mudas os días de feira e os domingos

03 ene 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Despois de dedicar unha ampla reportaxe aos seis cines que existiron no municipio de Lalín, tócalle agora o quenda aos dez que houbo nos outros municipios da comarca de Deza: As tres salas de cine que houbo no municipio de Silleda, unha delas na Bandeira; catro no de As Cruces, tres delas en Fontao e cada súa en Merza e na vila e unha en Agolada. Tanto en Rodeiro coma en Dozón, como xa referimos non temos noticias da existencia de ningún cine. Tamén faremos unha mención para os dous «multicines» que funcionaron na cabeceira da comarca tentando manter a tradición cinematográfica nestas terras da Galicia central e que tamén remataron pechando.

Nas feiras de Silleda e A Bandeira antano famosas e concorridas chegarían cen anos atrás as primeiras proxeccións ambulantes da man de fotógrafos e titiriteiros que foron verdadeiros pioneiros na propagación da que sería a sétima arte.

Quizais ollando unha destas proxeccións o mozo lalinense afincado en Silleda Perfecto Pereiro Castro tivera a idea de poñer a andar o primeiro proxector de cine na vila no mesmo café do que era propietario na actual rúa Progreso, onde tamén tiña un serradoiro, un muíño eléctrico e un ultramarinos. Acontecía isto aló polo ano 1934, cinco anos despois de que en Lalín comezara a funcionar o decano dos cines da comarca: O Cinema Deza de López del Río. O Cine de Pereiro comezou poñendo películas de cine mudo os días de feira e os domingos contando con notable concorrencia segundo ten relatado o seu descendente Perfecto Pereiro Lázara. Supoñemos que este cine pioneiro en Trasdeza pararía por un tempo a súa actividade durante o tempos que durou a guerra do 36.

Ao falecemento prematuro no 1947 deste emprendedor dezao, o cine ao igual que outras empresas fundadas por Pereiro coma a Hidroeléctrica de Silleda que fundara en 1915, foron mercadas por Cesáreo Sánchez Alonso Bastián, un veciño de Grava que fixera moitos cartos na época dourada do wolfram de A Vrea. Non sabemos si Bastián continuou coa explotación do cine ou se desfixo da maquinaria nestes difíciles anos da posguerra.

Os cines Victoria e Salgar

Aló polo ano 1945 coa denominación de Cine Victoria funciona do que son propietarios os industriais silledenses Luís Lázara Orrea Xanvarela e Luís Couto Lázara. Por eses anos mercan un solar na rúa que ía cara o Cuartel e o Campo da Feira -agora do Progreso- para a construción dun edificio de planta baixa dedicado a sala de cine cun aforo de máis de trescentos espectadores, insuficiente moitos días de feira e domingos para os moitos afeccionados que había daquela a sétima arte en Silleda e arredores. As películas que gozaban do favor do público e enchían o local eran as de Cantinflas, as do Oeste, as de Joselito, e tamén as grandes producións americanas coma Los diez mandamientos, Quo Vadis ou Los cañones de Navarone, entre outras. Tamén era usado para festivais, espectáculos musicais ou obras de teatro.

Do proxecto encargouse ao igual que en dous dos cines lalinenses o arquitecto Emilio Quiroga Losada. O cine deixaría de funcionar en 1978 e o edificio sería finalmente demolido en 1991.

Anos despois, no 1958 inaugurase en A Bandeira, vila que xa daquela disputaba a Silleda a hexemonía municipal con feira concorrida e florecente comercio e industria, o Cine Salgar da man do coñecido empresario local José Salgueiro Gómez (pai do lembrado alcalde de Silleda Xoán Xosé Salgueiro) en sociedade con José Otero malia que a denominación referise Salgueiro e García, que tamén formaban parte de empresa que explotaba o negocio. A inauguración foi sonada xa que se proxectou a película El último cuplé de Sara Montiel, en estreo para Galicia logo de salvar a «censura» relixiosa e civil existente naqueles anos. O edificio estaba a pé da estrada que ía cara a Merza preto do campo da feira. Tiña capacidade para uns douscentos espectadores repartidos entre «butaca» e «galiñeiro», este último espazo mais económico xa que había que estar de pé segundo lembra o daquela veciño Ramón Campos Casal. Funcionaba nos primeiros anos os xoves, domingos e feiras, pera logo ir esmorecendo deica pechar cara o ano 1969, procedéndose anos mais tarde cando o «boom inmobiliario» a derribalo para construír un edificio de baixo e tres andares. Dese xeito, tanto do Victoria coma o Salgar, no quedou nin rastro a non ser na memoria dos veciños mais vellos de Silleda que gozaron da sétima arte na súa nenez, mesmo mocearon no cine ou levaron mais adiante a fillos e netos para mergullarse naquel mundo de fantasía e ilusión dos anos dourados do cine.