Ana Cabaleiro (Silleda, 1974) foi premiada co García Barros de novela pola súa obra As Ramonas, na que unha fotógrafa de vodas busca transcender na súa vida a través da arte.
-¿Como nace esta primeira novela?
-Eu viña doutros formatos, sobre todo do relato, e quería experimentar outras cousas. Nesta historia quería abordar a sociedade actual, a que temos no noso país. A maioría da xente naceu en aldeas ou ten parte dos seus devanceiros no medio rural, e de aí vén esa tensión que hai hoxe entre o lugar do que procedemos e todas as aspiracións que temos. Somos unha sociedade que quere ser cosmopolita. A protagonista é unha fotógrafa que quere triunfar no mundo artístico. Ela nace e ten toda a vinculación persoal e familiar nunha aldea do interior de Galiza e ten que xogar con todo o que implica que lle fagan ver que vive nunha periferia, e que todo o seu traballo se desenvolve aí. Toda a historia se move na tensión permanente. Cada capítulo ocorre dentro dun coche diferente. A protagonista perde os puntos do carné no primeiro capítulo e ten que ser transportada para traballar, para ir comer o domingo á casa da súa avoa... Toda a historia son loitas continuas, dende diferentes puntos de vista.
-¿Cal é o papel da muller na historia?
-Eu reivindico outra forma de contar o papel da muller na literatura. O que quería era poñer en valor e retratar á muller actual como é, sen poñer exemplos de como ten que ser. Todas as mulleres que aparecen na novela teñen un rol que podemos encontrar na nosa vida: unha avoa, unha nai, unha fotógrafa, unha taxista, unha concelleira... Prefiro o material da realidade, é algo que me pasa cando leo, que me gustan os personaxes nos que me podo reflectir. Aos que lles vexo as miserias, e aínda que non me guste o personaxe, vexo algo tan real e tan do noso mundo que me acaba gustando. O meu ideal é conseguir personaxes que poidan amosar todas as súas caras. Gústame traballar co mundo que me toca vivir e cos seus cambios. Escollín conscientemente non disfrazar as penurias que vivimos as mulleres e poñelas enriba do papel.
-¿Como ve a súa carreira como escritora?
-Vivir da creación literaria en galego sería algo absolutamente precario, mesmo imposible. A parte económica do premio dignifica un pouco a creación. Para min o premio supón un aval de calidade, xa que o xurado está composto por xente con certo prestixio e con capacidade de valoración. É un aval ao teu traballo dende a propia profesión. Emocionalmente é algo que me dá moito pulo para continuar.