Graba enxalza o raxo coa degustación de 120 quilos

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

SILLEDA

Cedida

A parroquia silledense celebra hoxe a segunda edición dunha festa local, na que se pechou o aforo de comensais en 350

13 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A tradición do municipio de Silleda de ser dos que máis festas gastronómicas celebra pola contorna é unha realidade. Se a Festa da Rosquilla de Abades abriu o pasado Domingo de Pascua a espita dos eventos de mesa e mantel, tócalle agora á parroquia de Graba coa súa Festa do Raxo. Certo que a cita gastronómica conta con só dous de vida, pero o éxito xa se palpou na primeira edición, e dotes organizativos non faltan. Lembra Martiño Novo, dende a comisión organizadora, que ao longo de dez anos apostaron polo mexillón e o bolo preñado, «pero non eran produtos con referencia local, e aínda que a festa ía ben, decidimos enxalzar algo que fose de proximidade, sinxelo de cociñar e que gustara a todos». A decisión final apuntou ao raxo, en boa medida polo pulo importante que ten o sector porcino en todo o municipio de Trasdeza, e o resultado foi xenial según os organizadores.

Unha segunda edición da Festa do Raxo que se celebra hoxe na parroquia, e que sufriu un cambio no calendario. «O ano pasado celebrouse o sábado antes do Domingo de Ramos, pero ao caer este ano a Semana Santa tan alta decidimos adiala e foi un gran acerto, alomenos polo bo tempo que parece nos acompañará ao longo de toda a fin de semana», comenta cun sorrido Martiño Novo. Un grupo de oito persoas, a metade da parroquia; xa que o relevo para este tipo de iniciativas segue sendo complicado, son os encargados de materializar todos os detalles e traballo dun evento gastronómico destas características ao que se prevé asistan máis de 300 persoas. «O ano pasado eran 250 comensais pero para esta edición temos un aforo máximo de 350, e pensamos que cubriremos todas as prazas. Como é habitual sempre se anota moita xente fóra de prazo, cando xa está pechada a retirada de entradas, e a experiencia nos di que chegarán comensais no último momento. Podo dicirche que na primeira edición da festa entre o venres e o sábado, o mesmo día do evento, apuntáronse cen persoas».

Para atender a demanda de tantas persoas, chegadas dende a parroquia pero tamén de fóra, a organización calcula que serán precisos uns 120 quilos de produto de porco, ademais das patacas e dos pementos que acompañarán ao raxo. Nas tarefas da cociña repetirán por segunda vez María e Míriam; «a primeira é cociñeira e a segunda está relacionada co mundo da hostalería polo que son as persoas indicadas para levar isto a bo porto, Pili será a encargada de facer o café e tamén contamos cunha rapaza de Ourense que se fará cargo da sobremesa que será bica. É de agradecer o esforzo de todos, tamén dos pais, amigos e veciños que non dubidan en botar unha man se fai falla aínda que os relevos para estas citas non xorden», explica Martiño Novo. O menú desta segunda edición da Festa do Roxo complétase con pan, bebida, sobremesa e café, mentres que a parte lúdica estará amenizada polo dúo Punto Zero e o DJ Quintana.