A Coral Trasdeza e o seu «El peregrino»

alfredo abeledo penas SILLEDA

SILLEDA

Cedida

A peza musical foi estreada pola formación nas segundas Tardes de Primavera do 1991

02 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Foi o día 27 de maio de 1990 cando a Coral Polifónica Trasdeza tivo o seu Día da Música. E foi esa data (o 27590) a que quedou reflectida no número de lotería que tódolos anos nos mandan dende a localidade de Quart de Poblet, en Valencia. Ese día non se cantou o Peregrino como quixera Juan Salgueiro, pero coma todo bo organizador de actos, estivo el presente.

Non é primeira ni será a última vez que me preguntan de onde procede a cantiga El Peregrino. Teño que dicir que sempre a consideramos como unha habanera. Unha habanera popular harmonizada por Manuel Molinos. A historia? En Silleda, sempre houbo cuartel da Garda Civil. Daquelas, nos anos 60, estaba no edificio onde hoxe se ubica a actual casa consistorial, é dicir na Praza do Siñor Afranio. Este cuartel tiña ao seu cargo un tenente.

Na mesma praza, nos baixos da casa de Albino, membro fundador da coral, existía a Barbería de Suárez, (antes ás perruquerías de homes chamábanlle barberías, e Suárez, do Marco e tamén fundador da coral trasdezá, tocaba a guitarra e fiscorno e tiña unha gran biblioteca). Cada unha das barberías de Silleda tiña unha especialidade. A de esta, era a música, pero tamén se falaba da caza, do fútbol e tamén de mulleres.

Na barbería de Suárez

Pois ben, un fillo deste tenente ía polas tardes a rascar algo a guitarra e cantaba, entre outros, un tema que logo se tocaba na barbería para quen a quixera escoitar. Suárez aprendeuna e ensinóulla entre outros a Tente, fillo do médico, don Julio Morales. Así é como empezou todo. Logo Tente ensinóulla a Pepe Luis de García, que tamén foi membro da coral.

Pepe Luis na compaña dun servidor e doutros como Nito, Eduardo e outros cantores, iamos a rondar ás mozas maiores, polo gusto de cantar e de ter algo que levar ao corpo, como así era en pasteis ou bebida. Verdadeiramente sempre cantabamos o «noso Peregrino» e «á nosa» maneira de facelo. Digo isto porque hai pouco que souben que este Peregrino, tratábase de varias habaneras fusionadas nunha e cantadas tamén dun xeito distinto polas corais.

No ano 90 foi cando este que lles escribe e Nito lle puxeron a letra e a música que aprenderan nas rondas, ao servizo de Manuel Molinos. Coa letra escrita e os acordes de guitarra cantabamos El Peregrino para que Manolo lle sacara a harmonía para coro. Nin sequera sabiamos os autores da letra e da música. Era o noso Peregrino. Manolo, o dire da coral, harmonizóuna e rematou de poñela en pentagrama o 7 de xaneiro do ano 1991.

O sábado 15 de xuño de 1991 foi oficialmente estreada durante o II Tardes de Primavera, que se celebrou no colexio María Inmaculada de Silleda. E un mes antes, con motivo das Letras Galegas, o sábado, 19 de maio de 1991 foi cantada de modo oficioso e como proba, na igrexa de Monterroso, nunha data na que por primeira vez iamos á provincia de Lugo.

Tardes de Primavera do 91

As Tardes de Primavera do ano 91 foi outro día grande da Música pois a banda de música tocou o pasodobre Silleda de Antonio Amigo. E nós El Peregrino. Por outra banda, estréase escenario deseñado por Manuel Sánchez e estréase o estandarte debuxado por José Fernández Viéitez e que tan ben fora amosado por Rebeca Otero.

Posteriormente e dado o relevo que adquirira esta obra, a do Peregrino, foi gravada para a Fonoteca 92 do Correo Gallego no mes de setembro do ano 1992, no pavillón grande de madeira do recinto da Semana Verde en Silleda e levouse polos distintos escenarios de fóra como música popular harmonizada por M. Molinos. Máis para diante, pasados uns cantos anos (en concreto 25 que se din moi pronto), enteréime de casualidade de que El Peregrino noso é a refundición de dúas habaneras, El Peregrino e Te quisiera llevar. As dúas harmonizadas para coro por A. López García.

Así é que tanto nunha actuación no Grove coma noutra en Outes, dous coros distintos cantaban algo parecido pero nunca igual, incluso con letras distintas. Tamén en Vigo nun Festival de Habaneras, deron conta do recado a coral Perla do Atlántico ou a coral Máximo Gorki, iso si cada unha a súa habanera, ata que chegou a de Trasdeza para cantar a súa propia; a fusión das dúas. Verdadeiramente ese El Peregrino, é unha cantiga moi popular do Concello de Silleda. No ano 94, nas festas de verán a letra foi plasmada no folleto que se elaborou pola comisión de festas e que se entregou por todas as casas, por parte do Concello.

A coral, cantándoa en tódolos lugares nos que puido, fixo o resto, ata o punto que moitos dos seus fans están esperando para que se cante despois de calquera evento e fóra de programa. Na realidade é unha habanera, popular, harmonizada por M. Molinos, coñecida polo pobo de Silleda e cantada través da Coral Trasdeza que vai camiño de perdurar no tempo.

A letra tal como foi cantada pola polifónica no Concello no 1994

A letra da habanera tal como foi cantada pola Coral Trasdeza no Concello e que quedou plasmada do programa das festas de verán de Silleda do ano 1994:

«Yo vine a este mundo, tal veza peregrino/ cual hoja marchita, que el viento arrastró./ Yo vine a este mundo, siguiendo el destino,/ que Dios, como a todos, a mí señaló./

Tú me enseñaste a querer, tú me enseñaste a adorar./ No me enseñes a olvidar, que no lo quiero aprender./

Y aquellas tardes que sentado en el jardín,/ me prometiste, amor sin fin./ Y me juraste que jamás me olvidarías,/ y ahora ingrata, me quieres olvidar./

Te quisiera llevar, feliz ángel de amor,/ a escuchar el rumor, de las olas del mar,/ si una lágrima ves, de mis ojos brotar,/ es por tu dulce bien, a quien supe adorar./

Adiós tierna niña, adiós cariñosa;/ quisiera que oyeras, mi canto y mi voz;/ quisiera adorarte, mas es doloroso,/ tener que decirte, mi último adiós».