
Carboeiro (Silleda) conta cunha colonia de 40 exemplares, sendo a metade femias
15 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O interese polos bichos, dende pequena e de calquera tipo, levou directamente a Ledicia Santos Fernández (Sobrado do Bispo, Ourense) a estudar Bioloxía na Universidade de Santiago. Ao rematar como tantos mozos da súa xeración, cursou un máster, fixo voluntariado, pediu becas e no ano 2011 coñeceu a asociación grazas a unha beca de iniciación profesional, do que antes era a Fundación Novacaixagalicia, para colaborar no proxecto Morcegos en Soutos, que se levou a cabo polos Ancares e O Caurel. E así foi como, di Ledicia, se namorou dos morcegos; «porque unha vez que os empezas a coñecer descobres que son animais verdadeiramente incribles», pero tamén dos Ancares e do Caurel.
—O colectivo non naceu como Morcegos de Galicia.
—Non. Realmente arrincou como Asociación Drosera, no ano 2004. O nome débese a que os primeiros estudos da asociación estiveron centrados na Serra do Xistral, caracterizada polas súas turbeiras de gran importancia a nivel europeo, e nelas medran entre outras especies, unhas plantas carnívoras chamadas droseras. Posteriormente, no ano 2007, compañeiros que estaban na asociación comezaron a aprender máis sobre os morcegos e traballaron con eles e iso deu lugar ao programa Morcegos de Galicia, e co decorrer do tempo o colectivo pasou a traballar en exclusividade cos morcegos polo que se decidiu mudar o nome de Drosera por Morcegos de Galicia, tal e como se mantén na actualidade.
—Que levou á asociación a centrarse só nos morcegos?
—Un dos motivos foi o descoñecemento que había sobre os mesmos, e a moitos niveis: número de especies presentes en Galicia, distribución, comportamento, falsas crenzas e medos relacionados con eles. De feito o primeiro proxecto que xurdiu en relación aos morcegos, realizado no 2007, o Atlas de Morcegos de Galicia é un proxecto que aínda segue vixente e no que se lle actualiza a información da distribución das especies cada ano.
—Aludiu as falsas crenzas existentes ao redor deste animal, que en moitos casos foi atacado. Por que?
—Penso que polo descoñecemento que hai deles. Supoño que por ser un animal nocturno, que non é doado de observar se non é voando, e ademais nos últimos anos coa covid non tiveron moi boa prensa, e isto non axudou. O descoñecemento está relacionado como dicía cos mitos que hai sobre eles, ademais do medo que moita xente lle ten. Se non sabes, por exemplo, que todos os morcegos europeos son insectívoros pois non sabes que son grandes controladores de pragas. Moitos pensan que son os que comen os chourizos nos fumeiros, como nos dixeron algunha vez, ou que cando botan a voar asustados nun refuxio fanno para atacarnos e chuparnos o sangue (sorrí). E así podería dar moitos máis exemplos do que considera a xente ao respecto dos morcegos. Por iso é tan importante dalos a coñecer, porque cando empezas a saber deles, de como viven e como son xa os ves doutra maneira completamente diferente.
—O Concello de Silleda asinou un acordo de custodia coa asociación pola colonia existente en Carboeiro.
—A colonia, que conta na actualidade cuns corenta exemplares dos cales a metade son femias reprodutoras, é da especie morcego de ferradura pequeno (Rhinolophus hipposideros). Trátase dunha especie que resulta habitual que se refuxie en construccións (muíños, casas abandonadas), e esta colonia de Silleda pode parecer un número pequeno, pero se temos en conta a realidade palpable que temos en Galicia en canto á especie, pois é bastante grande.
«Nove especies están na categoría de vulnerables, paso previo ao perigo de extinción»
O acordo de custodia da colonia de morcegos de Carboeiro, asinado polo Concello de Silleda coa Asociación Morcegos de Galicia remóntase ao ano 2014, foi recentemente renovado e é unha ferramenta que pretende implicar ás persoas ou entidades propietarias dun terreo na súa conservación, explica Ledicia Santos, sendo neste caso o do morcego de ferradura pequena que descubriu «unha compañeira da asociación, Zeltia, nunha visita ao pombal de Carboeiro e aí foi cando se lle prantexou ao concello un acordo de custodia». Por aquel entón, no ano 2014, o Concello de Silleda se comprometeu a adaptar a porta do pombal, facéndolle un oco para que os morcegos puidesen entrar e saír, sen ter que ter a porta aberta e limitar así tamén ao acceso ao pombal. A asociación pola súa banda, resume Ledicia, «fai un seguemento anual da colonia e asesora ao concello na súa conservación cando o precisan. Nos anos de seguemento descubrimos que as femias reprodutoras estaban empregando un muíño da mesma propiedade, de aí que este ano, ao renovar o acordo, incluímolo a maiores».
A Asociación Morcegos de Galicia ten contabilizadas 25 especies na comunidade, que non están en perigo de extinción, «pero nove delas sitúanse na de vulnerables dentro do Catálogo Galego de Especies Ameazadas, e este é o paso previo a estar declaradas en perigo de extinción. Ademais todas as especies de morcegos están protexidas, posto que se atopan dentro do Listado de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial».
O colectivo centra esforzos en informar sobre os morcegos, rachar cos medos e falsas crenzas sobre os mesmos «xa que unha vez sabe a xente como son e como viven, empezan a velos con outros ollos».